Moción referida á “DEFENSA DUN MODELO DE ENERXÍA EÓLICA SUSTENTÁBEL, XUSTA E GALEGA FRONTE AO ESPOLIO E A DEPREDACIÓN”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Cerdedo-Cotobade, dentro do contexto de depredación eólica que está a vivir a totalidade de Galiza, ven padecendo un boom de proxectos eólicos desproporcionados para o noso territorio, as súas xentes e a nosa potencialidade natural. As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado están a aproveitar a necesidade de desenvolver unha transición enerxética que abandone enerxías fósiles para repetir a historia: facer que Galiza sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade de decisión, cun modelo espoliador e depredador deseñado ás nosas costas e ao servizo das grandes empresas, sen participación social e sen garantías de protección medioambiental nin de que o beneficio económico obtido sexa empregado para reverter na xeración de riqueza no noso país.

Esta expansión eólica está a desenvolverse sen unha adecuada planificación e control público e sen garantías para a participación social, a salvagarda do patrimonio natural e dos usos sociais e económicos do noso territorio. Baixo a coartada do “verde” asistimos a un lavado de cara dirixido polo propio oligopolio eléctrico a quen a Xunta de Galiza, e agora tamén o goberno central, poñen unha alfombra vermella.

Este desenvolvemento, que podería parecer positivo, estase a dar de forma abrupta, sen consenso coa sociedade dos lugares afectados e en moitos casos a través dunha fraudulenta fragmentación dos proxectos en proxectos máis pequenos para ocultar o seu verdadeiro impacto. Sentenzas xudiciais como a de Sasdónigas ou da Serra do Iribio dan conta desta situación e sinalan tamén o papel da administración galega á hora de rebaixar garantías ambientais e desprotexer espazos singulares, converténdose en parte activa dos problemas que se están a dar ao favorecer un modelo depredador. É necesario apostar polas enerxías renovábeis, pero hai que ter en conta que non por ser renovábeis son inocuas e que tamén deben avaliarse os seus impactos.

Nos últimos anos, cunha forte oposición social, o goberno galego aprobaba a coñecida como “lei de depredación” (Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza) e máis recentemente seguía o camiño de desregulación e descontrol eólico aprobando a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galiza que afonda na redución de prazos e que pon o territorio galego ao servizo da implantación eólica. Así mesmo, isto acontece despois de que o Partido Popular bloqueara durante os seus gobernos a ampliación da protección de espazos que hoxe deberan estar blindados pola súa importancia para a preservación da biodiversidade e a loita contra a crise climática.

Ademais, isto acontece nun momento de crise industrial onde curiosamente ao mesmo tempo que Galiza bate récords de xeración eólica bate tamén récords de desmantelamento industrial. Non só non hai vinculación desta expansión a proxectos industriais, senón que vemos como empresas vinculadas á fabricación de compoñentes pechan ou son deslocalizadas, como Isowat ou Siemens Gamesa. Aínda que Galiza nunca antes xerou tanta enerxía eólica e seguimos exportando enerxía eléctrica para outros territorios, non obtemos un retorno xusto que compense o impacto social e ambiental.

O noso papel xerador ten que traducirse nun vector de crecemento e desenvolvemento económico no lugar de empobrecernos como fai este modelo absolutamente espoliador. É necesario un cambio de modelo que defenda a participación pública no sector, de Concellos e de colectivos como asociacións veciñais ou comunidades de montes.

Así mesmo, Cerdedo-Cotobade debe ter dereito a decidir sobre como desenvolver a súa planificación enerxética. Hoxe existe un gran clamor social en contra da antidemocrática falta de transparencia e a mala o nula información que existe sobre este tema. O noso labor é esixir e garantir mecanismos para de participación da sociedade local.

Por estes motivos, desde o BNG reclamamos un cambio de rumbo do goberno local do PP, consentidor, por omisión ou por falta de acción, contra os despropósitos da Xunta ou do Estado e reclama un modelo de enerxía eólica sustentábel, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación que evite condenarlle o futuro ás parroquias e ás xentes de Cerdedo-Cotobade.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte MOCIÓN:

  1. Un posicionamento institucional da corporación condenando a intencionalidade da Xunta de Galiza e do Goberno do Estado de seguir coa tramitación de todos os proxectos eólicos de cadan súa competencia que afectan ao territorio municipal por mor do forte rexeitamento da veciñanza e o tecido asociativo de Cerdedo-Cotobade así como polo forte impacto medio-ambiental sobre os valores naturais dos montes parroquiais, danos hídricos e outros prexuízos.
  2. Rexeitamento da corporación aos proxectos eólicos coñecidos como Chamarrapio, Xubrintas e Alamoceiros, Sistesas e Ventoburgo.
  3. Realizar unha fiscalización da totalidade de proxectos, en proxecto ou tramitación, no noso concello e bisbarra para localizar casos constitutivos de fraude de lei por seren fragmentacións de proxectos que comparten localización e infraestruturas e que polo tanto deben ter unha avaliación conxunta como un único proxecto, emprendendo as accións oportunas para impedir esta fragmentación.
  4. Creación dunha “Comisión Municipal de Loita contra os Proxectos Eólicos Depredadores” que cernen sobre Cerdedo-Cotobade da que formen parte os grupos con representacion da corporacion, entidades sociais e veciñais, plataformas e comunidades de montes.