Organización

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

As compañeiras e compañeiros do BNG estamos para facer outra política moito máis apegada aos problemas reais da nosa veciñanza e loitar, xuntos e xuntas, por un tempo novo para Cerdedo-Cotobade .

Levamos todo o mandato percorrendo as parroquias do concello, recollendo as demandas e necesidades da veciñanza para plasmalas en iniciativas cun obxectivo claro: mellorar a calidade de vida no noso concello.

O grupo de mulleres e homes que facemos parte do BNG traballamos incansábelmente tanto na fiscalización da acción do goberno coma na achega de propostas concretas para mellorar Cerdedo-Cotobade.

O noso traballo comprende diversos ámbitos. Dende a mellora da mobilidade e a seguridade viaria á dinamización socio-cultural. Dende a loita por unhas emerxencias de pronta resposta ao saneamento ou a posta en valor do monte e dos produtos locais, sen esquecernos da xestión dos residuos e do compost. De iniciativas en favor da fibra óptica á mellora da rede de suministros básicos como a luz, o teléfono ou a sinal de TV. Propostas encamiñadas a un ecoturismo sustentábel baseado na recuperación e promoción dos roteiros de sendeirismo/BTT/arqueoloxía e a aposta clara polo autocaravanismo.

Máis, o traballo contra a invasión eólica planificada polo PP, que pretende facer do noso concello un mega polígono industrial enrexético; a perda de servizos na capital municipal, por exemplo a sucursal de Abanca de Carballedo; e a lamentábel situación sanitaria na que se atopan os nosos centros de saúde esixen dun BNG forte que loite polos dereitos da veciñanza e polo futuro verde, sustentábel e respectuoso co medio tal e como demandan os tempos actuais e a nosa sociedade no seu conxunto.

Temos ilusión, temos compromiso e temos forza para levarmos a Cerdedo-Cotobade a un tempo novo. Porque outro modelo de concello é posíbel. Contigo.

Ernesto Filgueira, portavoz municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade