Moción referida á "GRATUIDADE DO APARCAMENTO DO FUTURO HOSPITAL GRAN MONTECELO"
#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel
#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
1. Complexo Hospitalario de Pontevedra (CHOP) atende na actualidade a máis de 300.000 persoas e xestiona os servizos sanitarios dun total de 26 concellos.
2. Durante moitos anos levamos demandando novas infraestruturas sanitarias, e que se corrixan as carencias existentes nos centros de referencia para estas áreas que se atopan no hospital provincial (Pontevedra) e no hospital do Salnés (Vilagarcía de Arousa), así como o desvío de pacientes a outros centros hospitalarios por carecer de áreas especializadas (radioterapia, cardioloxía , etc).
3. O chamado hospital Gran Montecelo entrará en servizo, previsiblemente dentro de pouco tempo, cun avultado atraso, pois cómpre lembrar que foi prometido polo ex- presidente da Xunta Núñez Feijoo no ano 2009 e anunciada a súa apertura en 2014. Claro que, daquela o PP pretendía facer un hospital novo en Montecarrasco (Salcedo) e, anos despois, retomou o proxecto da Xunta presidida por Emilio Pérez Touriño para ampliar Montecelo.
4. Recuperada a racionalidade e a idea da ampliación de Montecelo por parte da Xunta, a Consellería de Sanidade, o Sergas e o Concello de Pontevedra asinaron no ano 2016 un convenio que
habilita ao Goberno galego á inclusión e xestión dun aparcadoiro. En relación con isto, o Plan Funcional aprobado en 2017 recolle que o aparcadoiro será dimensionado polo Sergas posteriormente.
5. No proxecto de execución do Gran Montecelo recóllese que na 2ª fase van investirse 25 millóns de euros que se destinarán a reformas no actual edificio así como a creación do aparcadoiro cuberto que vai dar servizo a 1.400 prazas destinadas a usuarios, familiares e persoal sanitario, pero non se concreta da si xestión vai ser de carácter pública ou privado.
6. Porén, o actual presidente da Xunta, Alfonso Rueda, xa ten dito que as 300.000 persoas que teñen Montecelo como hospital de referencia, disfrutarán de “prezos asequibles” por aparcar. Así que non parece que a Xunta, que tanto reclama a gratuidade da AP-9 que o Goberno de Aznar privatizou previa prolongación da concesión ata 2048, considere que aparcar nun hospital público sexa un servizo público.
7. Este grupo provincial socialista considera que ninguén vai a un hospital por lecer, polo que dispoñer dun aparcamento 100% público e non entregado ao negocio privado por medio dunha lucrativa concesión debería ser unha cuestión aceptada.
8. Finalmente, non podemos deixar de poñer de manifesto o deficiente servizo de transporte que conecta o hospital de Montecelo coa Estación de Autobuses da cidade de Pontevedra e, por tanto, con toda a comarca.
Por todo o exposto, o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE e o Grupo municipal do BNG presentan para o seu debate e aprobación polo pleno municipal a seguinte MOCIÓN:
1. Instar á Xunta de Galicia a dotar ó hospital Gran Montecelo dun aparcadoiro público e totalmente gratuito.
2. Que a Xunta de Galicia incremente as prazas de aparcamento existentes na actualidade para poder así cubrir as demandas existentes.
3. Instar a Xunta de Galicia a promover e incrementar as liñas de transporte público dando cobertura a todos o concellos aos que da cobertura o novo Montecelo.