Moción referida ás "PEAXES DAS AUTOVÍAS GALEGAS" 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-
Cotobade presenta a seguinte moción referida a: “PEAXES DAS AUTOVÍAS GALEGAS”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
O Ministerio de Fomento vén de reabrir o debate sobre o repagamento mediante peaxe das autovías de titularidade estatal, reiterando unha proposta que xa fora anunciada en 2018 e 2019.

Este debate abriuse despois de que a patronal das construtoras, ASEPAN, demandase este tipo de medidas para garantir contratos de concesión. Mais a medida ten tamén outras causas relacionadas co desequilibrio económico nas contas do Ministerio de Fomento a raíz de dúas decisións:

  • O rescate das ruinosas autoestradas radiais madrileñas e doutras autoestradas, con un custo para as arcas públicas de máis de 3.000 millóns de euros.
  • A supresión das peaxes en autoestradas nas que caduca a concesión entre 2019 e 2021, o que vai supor un custo duns 450 millóns de euros anuais. Ademais, o Ministerio de Fomento tamén aprobou o ano pasado bonificacións para o transporte en determinadas autoestradas, co conseguinte incremento do gasto orzamentario e da dispoñibilidade de recursos.

Como resposta a aquel primeiro anuncio de novembro de 2018, o Pleno do parlamento aprobou un acordo en decembro de 2019, a instancias do BNG, no que manifestaba unha rotunda oposición ao establecemento de peaxes nas autovías de titularidade estatal.

Ademais do carácter regresivo e do impacto negativo que tería para as persoas usuarias das autovías, para a seguridade viaria e para a competitividade das nosas empresas, a citada medida hai que analizala no contexto da situación da rede viaria estatal en Galiza e concretamente da situación das autoestradas de titularidade estatal, a AP 9 e a AP53. Por outra parte, en Galiza existen dúas autovías autonómicas con peaxes ás persoas usuarias, a AG 55 e a AG 57, o que supón en agravio e unha discriminación para residentes e empresas das respectivas comarcas, un atranco para a conectividade e a competitividade, e ademais incrementa a inseguridade viaria e merma a calidade de vida na contorna das estradas convencionais que atravesan zonas densamente habitadas.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Amosar a rotunda oposición do Concello de Cerdedo-Cotobade á intención do
    goberno central de establecer peaxes nas autovías de titularidade estatal, por
    considerala unha medida regresiva que establece barreiras económicas no acceso á servizos básicos como son as infraestruturas viarias, porque incrementa a inseguridade viaria e porque supón un atranco para o desenvolvemento económico e a cohesión social de Galiza.
  2. Dar traslado do acordo deste primeiro punto ao Ministerio de Fomento.