Moción referida ao “REXEITAMENTO DA CORPORACIÓN Á INSTALACIÓN DOS P. E. PORTO VIDROS E CAMPO DAS ROSAS”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O BNG leva un ano de loita contra o Plan Eólico da Xunta de Galiza por inxusto, por obsoleto, por insustentábel e por atentar contra o modelo de vida do rural. O BNG  ten presentadas alegacións, ten promovido actos informativos veciñais, ten participado nas concentracións sociais… Especialmente grave é a casuística de Cerdedo-Cotobade, pois, a Xunta pretende facer do conxunto do territorio municipal un mega-parque empresarial eólico a tenor dos diversos proxectos enerxéticos elevados a exposición pública ao longo dos últimos meses. Así pois, cabe sinalar a preocupación existente entre, principalmente, a veciñanza de Pedre, Cerdedo, Corredoira e Quireza polos graves problemas que lles poden vir sobrevidos a causa da instalación do P. E. de Porto Vidros. Compre lembrar que este proxecto consta de aeroxeradores de 163 m., 1 torre anemométrica, centro de seccionamento, pistas e liñas eléctricas, ademais dunha liña eléctrica aérea de 6'5 km cruzando dende Pedre ata o monte de Quireza, a menos de 200 metros das casas, entre moitas outras afeccións. 

Asemade, o P.E Campo das Rosas tamén causa inseguridade á veciñanza de Pedre e Quireza polas afeccións medioambientais, arqueolóxicas, fauna e flora … tendo en conta que urbanísticamente a poligonal toca chan rústico de protección forestal e chan rústico de proteción das augas. Para facilitar o espolio, a Xunta non dubida en actuar de xeito fraudulento recorrendo á fragmentación artificiosa, a efectos de impacto ambiental, das infraestruturas compartidas con outros proxectos industriais, evitando que a cidadanía poida participar na avaliación sinérxica, conxunta, sumativa e global dos impactos ambientais derivados do conxunto das infraestruturas do que ven a ser, na praxe, un único proxecto industrial. Teñamos en conta que nun espazo pequeno do territorio aglomeraríanse os parques eólicos de Campo das Rosas, Cabanelas, Monte de Arca, As Penizas, Pico Touriñán, Porto Vidros e Touriñán III, co conseguinte impacto sobre a paisaxe e perda de biodiversidade que supón a construción de todas as infraestruturas necesarias para dar servizo a estes parques. 

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Rexeitar a instalación dos Parques Eólicos de Porto Vidros e Campo das Rosas promovidos pola empresa Naturgy Renovables en tramitación pola Xunta de Galiza.