O BNG urxe solucións para mellorar a seguranza viaria e accesibilidade da N-541, especialmente en Calvelo, Tenorio

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O Bloque Nacionalista Galego anuncia o rexistro de iniciativas nas Cortes do Estado para instar o Ministerio de Transportes a actuar e solucionar de forma inmediata os problemas na seguranza viaria e accesibilidade na estrada N-541 ao seu paso pola Calvelo, no concello de pontevedrés de Cercedo-Cotobade. A senadora do BNG, Carme da Silva, solicita o diálogo de Transportes coa veciñanza afectada, así como actuacións que permitan mellorar a seguranza na zona e garantir a súa accesibilidade.

A senadora do BNG, Carme da Silva, visita Calvelo, no concello pontevedrés de Cercedo-Cotobade, acompañada polo portavoz municipal do BNG na localidade, Ernesto Filgueira, e veciñanza da zona afectada. Carme da Silva alerta da situación da N-541, estrada que conecta Pontevedra con Ourense, ante os numerosos tramos perigosos e cun deficiente estado de conservación, unha situación que “lamentabelmente caracteriza a maior parte das vías de titularidade estatal que atravesan a Galiza”.

Ante esta situación, a organización nacionalista rexistra iniciativas nas Cortes para saber se o Ministerio de Transportes coñece os graves problemas de seguranza viaria que presenta a N-541 ao seu paso por Calvelo. “O Goberno debe explicar se ten previsto acometer obras nesta zona para mellorar a seguridade e a accesibilidade e, de ser así, cando ten intención de iniciar as actuacións” destaca a senadora do BNG.

“Debe atender as demandas da veciñanza, que leva anos reclamando solucións concretas como a instalación dun paso elevado, a creación dun carril de incorporación en dirección Ourense, á altura da cafetería Obélix, e a habilitación dunha vía peonil paralela á estrada que garanta o tránsito seguro das persoas” enumera Carme da Silva.

A senadora nacionalista entende que Transportes debería valorar a viabilidade destas medidas porque “non supoñen grandes investimentos pero que terían un impacto positivo inmediato na mellora da seguridade da zona”.

Carme da Silva subliña que “os veciños e veciñas de Calvelo enfróntanse cada día ao risco de atravesar unha estrada sen medidas de protección. Xóganse literalmente a vida para acceder a servizos básicos como o centro de saúde, colexios ou supermercados”. A senadora sinala que a marquesiña situada nun estreito da beirarrúa da N-541, que se inunda cada vez que chove, supón un perigo engadido para a veciñanza, especialmente para os nenos e nenas e persoas maiores que fan uso do transporte público.

“Trátase de demandas xustas, sensatas e asumíbeis economicamente polo Ministerio de Transportes, que terían un efecto inmediato na mellora da seguridade viaria deste tramo da N-541” apunta Carme da Silva.