O PP insiste en castigar a Cerdedo-Cotobade ao sacar un novo parque eólico a exposición pública, o PE Monte do Pé en Aguasantas

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

No día de hoxe, o DOG publica un novo parque eólico, PE Monte do Pe, que afecta especialmente á parroquia de Aguasantas, con especial incidencia nos lugares de Barazal, Calvelle, Coutada e Famelga. A poligonal deste parque de 4 xeradores de 140 metros de altura, toca tamén á parroquia de Borela.

A isto temos que engadir que na mesma zona debemos incluír os parques eólicos de Os Cotos, Porto Vidros e Campo das Rosas, que xa contan con declaración de impacto ambiental favorábel por parte da Xunta, e os parques da Rula, Tramontana, Sirico, Pedra longa e Cabanelas...

Cerdedo-Cotobade está a sofrer unha presión eólica bestial, apesar do unánime rexeitamento da veciñanza e da corporación municipal, polo grande estrago que producirá no territorio tal acumulación de parques eólicos, coas liñas de alta tensión, subestacións, e demais infraestruturas necesarias.

“Que mal lle fariamos ao PP os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade para que nos trate con tanto desprezo, e se empeñe en destruir a nosa paisaxe, os nosos manaciais, a nosa flora e a nosa fauna, e hipoteque o desenvolvemento do noso monte, convertindoo nun grande parque industrial eólico”, preguntouse o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira.

“Mais non imos quedar calados nin quietos. Cerdedo-Cotobade quere e merece un futuro mellor ,e no BNG non imos consentir que unha Xunta vasala das eléctricas estrague o futuro dos nosos veciños e veciñas. Por iso instamos ao alcalde Jorge Cubela a que se poña firme diante do seu partido e denuncie, clara e rotundamente, este atentado que a Xunta do PP está a perpetrar no noso concello. É hora de actuar, antes de que sexa demasiado tarde”, afirmou Filgueira.