Moción referida á " MODELO DE ENERXÍA EÓLICA SUSTENTÁBEL, XUSTA E GALEGA"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida a: “DEFENSA DUN MODELO DE ENERXÍA EÓLICA SUSTENTÁBEL, XUSTA E GALEGA FRONTE AO ESPOLIO E A DEPREDACIÓN”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Galiza sofre hoxe un boom eólico sen precedentes. As grandes empresas do oligopolio eléctrico e os gobernos da Xunta e do Estado están a aproveitar a necesidade de desenvolver unha transición enerxética que abandone enerxías fósiles para repetir a historia: facer que Galiza sexa unha gran produtora de enerxía sen capacidade decisión, cun modelo espoliador e depredador deseñado ás nosas costas e ao servizo das grandes empresas, sen participación social e sen garantías de protección medioambiental nin de que o beneficio económico obtido sexa empregado para reverter na xeración de riqueza no noso país.

Esta expansión eólica está a desenvolverse sen unha adecuada planificación e control público e sen garantías para a participación social, a salvagarda do patrimonio natural e dos usos sociais e económicos do noso territorio. Baixo a coartada do “verde” asistimos a un lavado de cara dirixido polo propio oligopolio eléctrico a quen a Xunta de Galiza, e agora tamén o goberno central, poñen unha alfombra vermella.

Este desenvolvemento, que podería parecer positivo, estase a dar de forma abrupta, sen consenso coa sociedade dos lugares afectados e en moitos casos a través dunha fraudulenta fragmentación dos proxectos en proxectos máis pequenos para ocultar o seu verdadeiro impacto. Recentes sentenzas xudiciais como a de Sasdónigas ou da Serra do Iribio dan conta desta situación sinalan tamén o papel da administración galega á hora de rebaixar garantías ambientais e desprotexer espazos singulares, converténdose en parte activa dos problemas que se están a dar ao favorecer un modelo depredador. É necesario apostar polas enerxías renovábeis, pero hai que ter en conta que non por ser renovábeis son inocuas e que tamén deben avaliarse os seus impactos.

Nos últimos anos, cunha forte oposición social, o goberno galego aprobaba a coñecida como “lei de depredación” (Lei 5/2017, do 19 de outubro, de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galiza) e máis recentemente, coa coartada da covid-19 seguía o camiño de desregulación e descontrol eólico aprobando a Lei 9/2021, do 25 de febreiro, de simplificación administrativa e de apoio á reactivación económica de Galiza que afonda na redución de prazos e que pon o territorio galego ao servizo da implantación eólica. Así mesmo, isto acontece despois de que o Partido Popular bloqueara durante os seus gobernos a ampliación da protección de espazos que hoxe deberan estar blindados pola súa importancia para a preservación da biodiversidade e a loita contra a crise climática.

Ademais, isto acontece nun momento de crise industrial onde curiosamente ao mesmo tempo que Galiza bate récords de xeración eólica bate tamén récords de desmantelamento industrial. Non só non hai vinculación desta expansión a proxectos industriais, senón que vemos como empresas vinculadas á fabricación de compoñentes pechan ou son deslocalizadas, como Isowat ou Siemens Gamesa.

Aínda que Galiza nunca antes xerou tanta enerxía eólica (no 2020 foi a segunda comunidade do Estado) e seguimos exportando enerxía eléctrica para outros territorios, non obtemos un retorno xusto que compense o impacto social e ambiental. O noso papel xerador ten que traducirse nun vector de crecemento e desenvolvemento económico no lugar de empobrecernos como fai este modelo absolutamente espoliador. É necesario un cambio de modelo que defenda a participación pública no sector, a través dunha empresa pública galega de enerxía e da participación da Xunta, de Concellos e de colectivos como asociacións veciñais ou comunidades de montes. Así mesmo, Galiza debe ter dereito a decidir sobre como desenvolver a súa planificación enerxética.

Hoxe é un clamor social a corrección da antidemocrática falta de transparencia e información que existe e garantir mecanismos de participación para a sociedade galega. Por estes motivos, desde o BNG reclamamos un cambio de rumbo a prol dun modelo de enerxía eólica sustentábel, xusta e galega fronte ao espolio e a depredación.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Desenvolver e aprobar un novo marco regulatorio do sector eólico que incremente as garantías sociais, económicas e medioambientais, a comezar por un novo Plan Sectorial Eólico que conte cunha ampla participación dos axentes implicados (asociacións veciñais, agrarias, ecoloxistas, sindicais, centros de investigación, comunidades de montes, etc.) e un amplo proceso de exposición pública co fin de suscitar o maior consenso posíbel, tendo en consideración as necesidades de Galiza e o papel doutras tecnoloxías.
  2. Dar rango de lei ao impulso de Plans de Desenvolvemento Industrial asociados ás novas instalacións establecendo medidas para que as autorizacións de novos parques eólicos se vinculen a proxectos industriais que xeren riqueza e emprego no país e favorecer que unha parte das compoñentes sexan desenvolvidos en Galiza.
  3. Impulsar medidas para garantir a socialización dos beneficios do papel xerador de Galiza e o retorno económico para o noso país apostando pola constitución dunha empresa pública galega de enerxía e fomentando a participación pública da Xunta e dos concellos galegos así como das persoas propietarias das terras (comunidades de montes, propiedades agrogandeiras) de maneira que xere rendas complementarias. Así mesmo, impulsaranse fórmulas de democratización da enerxía como as comunidades enerxéticas, os parques enerxéticos comunitarios e o autoconsumo enerxético.
  4. Incrementar a vixilancia sobre as garantías medioambientais para asegurar o cumprimento do principio de prevalencia da protección ambiental sobre a ordenación territorial e urbanística, a precaución respecto das posibles intervencións que poidan afectar negativamente o patrimonio natural ou a biodiversidade e mais a prevención dos problemas derivados da crise climática. Singularmente:
    1. Paralizar cautelarmente os proxectos de todos os parques eólicos, en proxecto ou en tramitación, que estean incluídos dentro de áreas propostas anteriormente para a ampliación da Rede Natura e non autorizar novos parques eólicos que estean situados nestas zonas.
    2. Realizar unha fiscalización da totalidade de proxectos en proxecto ou tramitación no noso país para localizar casos constitutivos de fraude de lei seren fragmentacións de proxectos que comparten localización e infraestruturas e que polo tanto deben ter unha avaliación conxunta como un único proxecto, emprendendo as accións oportunas para impedir esta fragmentación.
    3. Impulsar un proceso participativo para desenvolver figuras de ordenación e protección do territorio: ampliación da Rede Natura, Estratexia de Infraestrutura Verde, Áreas de Interese Paisaxístico, plans de proteccións de especies e hábitats declarados de interese comunitario e de interese prioritario.
  5. Garantir unha verdadeira política de transparencia, información e participación cidadá tomando as seguintes medidas:
    1. Mellorar a información dispoñíbel a través do Rexistro Eólico Galego modernizándoo e incorporando o acceso áxil a toda a información relacionada (proxectos, prazos, resolucións do DOG, mecanismos de consulta, identificación dos axentes promotores, características da instalación. etc.) de forma clara e intuitiva.
    2. Promover unha oficina específica, con servizos presenciais e telemáticos, ao abeiro do INEGA para o asesoramento técnico e administrativo ou de mediación necesario para a cidadanía, asociacións de veciños, comunidades de montes e outros colectivos afectados pola expansión industrial eólica.
    3. Poñer en marcha as demandas do Observatorio Eólico Galego respecto das recomendacións de transparencia, participación pública e difusión de modelos de contrato para particulares e comunidades de montes e mecanismos de negociación.