Moción referida aos "FONDOS MUNICIPAIS CONFISCADOS POLO GOBERNO CENTRAL"  

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo e Cotobade presenta a seguinte “MOCIÓN DE URXENZA SOBRE A UTILIZACIÓN DOS FONDOS MUNICIPAIS POR PARTE DO GOBERNO DO ESTADO”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Ante a situación de incertidume que se está a xerar nas Administracións locais galegas, desde o BNG manifestamos o noso profundo rexeitamento a calquera tentativa de incautación ou bloqueo dos fondos municipais por parte do Estado, xa que as necesidades estatais non poden anular as necesidades locais.

Sorprendeunos que este venres pasado a FEMP convocase unha xuntanza extraordinaria da súa Xunta de Goberno para presentar e aprobar un acordo entre o goberno de España e a FEMP para, segundp consta textualmente na convocatoria, “contribuir desde los municipios a desarrollar una movilidad sostenible, la agenda urbana y políticas de cuidados y apoyo a la cultura”. Baixo este eufemismo, o que este acordo agocha non é nin máis nin menos que que o estado faga unha operación para dotarse de liquidez a consta dos remanentes municipais. (Estamos falando de que a cantidade de remanentes das entidades locais galegas estímase nuns 890 millóns de euros)

A reacción de rexeitamento xeneralizado fixo que o presidente da FEMP se vira na obriga de suspender a Xunta de Goberno na que pretendía dictaminar este acordo.
A escusa do ministerio para xustificar esta proposta en base a imposibilidade de incumprir a lei de estabilidade, a chamada lei Montoro, e que así non lle computa aos concellos como déficit, é un insulto a intelixencia. A Comisión europea acordou flexibilizar a limitación de endebedamento dos estados como consecuencia da crise da Covid. Os Estados van poder incrementar a débeda, mais segundo a interpretación do ministerio a única administración que vai poder incrementar a débeda é a Administarción Xeral do Estado. A Administración Local non debe ser Estado e non vai poder incrementar a débeda, malia supoñer no caso de Galiza un 0,3% do PIB galego, e estar o límite no 3%.

En calquera caso, é fundamental garantir que a posibilidade de utilización de fondos ou endebedamento por parte dos concellos non sexa utilizado por outras Administracións para buscar financiamento e a asunción por parte das entidades locais de competencias impropias, cargando así sobre os municipios o custo de servizos que non poden nin deben ser asumidos.

Esta é unha vella demanda do municipalismo galego, e así quedou reflectido nos relatorios aprobados na asemblea xeral da FEGAMP celebrada no mes de novembro pasado e na que por unanimidade se acordou “Demandar a flexibilización de utilización do remanente e superávit a calquera tipo de inversión que redunde en beneficio da comunidade, estendendo o ámbito temporal de aplicación e considerando a posibilidade de poder aplicar parte do mesmo en gasto corrente”

Por todas estas razóns, o BNG demanda do Pleno da Corporación Municipal os seguintes

ACORDOS
Instar á Xunta de Galiza a solicitar do goberno español a derrogación da Lei de 2/2012 de estabilidade orzamentaria e sustentabilidade financeira para permitir ás entidades locais atender as competencias propias con cargo aos remanentes e/ou superávit, así como ampliar a capacidade de endebedamento das Administracións locais para afrontar os ditos gastos.

Que a interlocución do goberno do estado cos concellos galegos se estabeleza a través da FEGAMP, entidade na que están representados a totalidade dos concellos galegos e as catro deputacións provinciais.