Moción referida ao "PLAN EXPANSIÓN INTEGRAL DE FIBRA ÓPTICA" 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo e Cotobade presenta a seguinte Moción referida ao “PLAN DE EXPANSIÓN INTEGRAL DE FIBRA ÓPTICA EN CERDEDO-COTOBADE”.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

A Internet é unha infraestructura fundamental na vida da veciñanza, do empresariado e das relacións comerciais en xeral. É un ben de primeira necesidade alén do seu uso doméstico, educativo e/ou industrial. O BNG entende que o concello de Cerdedo-Cotobade debe traballar axiña na procura dunha estructura potente que soporte o mercado dixital actual e o que está achegándose a pasos axigantados. Motivo, que leva aos nacionalistas a destacar a imperiosa necesidade de instar ao goberno local a traballar en proxectos que permitan limar a fonda brecha dixital na que vive a maior parte da veciñanza de Cerdedo e Cotobade, pois, vai en prexuízo da súa calidade de vida e da limitación das perspectivas de crecemento dos pequenos comercios, dos autónomos e dos produtores locáis. A maiores, esta brecha dixital supón un agravio comparativo a respeito doutros entornos de interior ou das zonas máis urbás ao incidir á baixa nas opcións de manter ou axudar a asentar poboación neste concello rural, limitar o modelo educativo online e diminuir as opcións de impulsar a modernización dos servizos públicos e desenvolver un tecido empresarial competitivo, innovador e xerador de emprego local. Os datos que atestiguan este relato teñen que ver cos 2Mbps de media aos que teñen acceso a meirande parte da veciñanza local en detrimento do recomendado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica (AMTEGA) no seu “Plan de Banda Larga de Galiza 2020” dependente da Xunta de Galiza e a propia Comisión Europea para o ano 2020: garantir cobertura de banda larga de cando menos 30 Mbps para a totalidade da poboación fomentando a inclusión social e a competitividade e impulsar a contratación nos forgares de servizos de banda larga por riba dos 100 Mbps. Números moi afastados do servizo actual que recibe a veciñanza así como da falla de oferta competitiva que beneficie ás familias de Cerdedo-Cotobade.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo e Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

Instar á Xunta de Galiza e por ende ás Consellerías e Organismos dependentes a solicitar a financiación precisa para executar un Plan de Expansión Integral de Fibra Óptica sen discriminación entre as parroquias de Cerdedo-Cotobade e cumplir así o disposto pola Comisión Europea en materia de prestación do servizo da Internet -recomendado no “Plan de Banda Larga de Galiza 2020” da “Axencia para a Modernización Tecnolóxica” dependente da Consellería de Presidencia- para este 2020.