Moción referida a “Estratexia Local pola Mobilidade Sustentábel: Uso da Bicicleta”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Sr Alcalde,

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida a: “Estratexia Local pola Mobilidade Sustentábel: Uso da Bicicleta”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Para o BNG resulta imprescindíbel fomentar novos hábitos de mobilidade entre a veciñanza e promover un cambio na pirámide dos desprazamentos favorecendo o uso da bicicleta, especialmente entre a mocidade.

A bicicleta é un medio de transporte saudábel para as persoas e para o medio ambiente, que axuda a reducir a contaminación e o ruído que ocasionan os vehículos a motor. Para fomentar eficazmente o seu uso é necesario que se garanta a seguridade.

Coa extensión do uso da bicicleta gañamos todos e todas. Gañamos en saúde, ao facer exercicio físico, gañamos en seguridade, ao reducir o risco de accidentes producidos polos vehículos a motor, e contribuimos ao coidado do concello e do planeta ao reducir a contaminación do aire.

Dende o BNG entendemos que o rural é un entorno idóneo para a extensión da bicicleta como medio de transporte, e para iso compre actuar con decisión e altura de miras. En primeiro lugar garantindo a seguridade nas vías que atravesan o noso concello e, en segundo lugar, realizando campañas de promoción do seu uso entre a veciñanza, a comezar polos colexios públicos.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar o seguinte:

  1. Elaborar unha ordenanza de mobilidade sustentábel que mellore a seguranza nos viais municipais e promova o uso da bicicleta como medio de transporte.
  2. Xestionar coas admnistracións competentes a dotación nos seus viais dos elementos de seguridade e sinalización precisos -incluíndo a construción de carrís- bici- para garantir un uso seguro por parte daquelas persoas que utilicen a bicicleta para os seus desprazamentos.
  3. Fomentar nos colexios públicos e nas casas do Pobo parroquiais o uso da bicicleta.
  4. Dotar de aparcadoiros-bici as inmediacións dos edificios e instalacións deportivas municipais, casas do pobo, centros educativos e principais plazas das parroquias.