Moción referida á "MELLORA URXENTE DOS SERVIZOS DE EMERXENCIA: PARQUE DE BOMBEIROS E AMBULANCIA DE SOPORTE VITAL AVANZADO NO PAC DE CERDEDO"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Os datos sobre a perda de poboación de Cerdedo-Cotobade son alarmantes. Desde a fusión de Cerdedo e Cotobade até o 2022, o noso municipio perdeu máis de 400 veciños e veciñas.

Somos conscientes que a tarefa de reverter esta situación non é doada.  Pero en nada axuda que Cerdedo-Cotobade estea a perder de forma paulatina calidade nos servizos públicos que se prestan, co silencio ou, cando menos, a pasividade do goberno municipal. Sen servizos non hai futuro, e o sr. Cubela debe ser consciente diso.

É hora de que o alcalde e o seu grupo se tomen en serio a necesidade de frear a perda ou perda de calidade dos servizos públicos aos que temos dereito, e que afectan no día a día á calidade de vida dos nosos veciños e veciñas. Falamos, por exemplo, dos recortes na asistencia sanitaria ou que boa parte do noso termo municipal estea situado nun espazo de “sombra”, con tempos de resposta a emerxencias que son totalmente inasumibles e mesmo triplican as ratios recomendadas.

Por desgraza, o noso concello padeceu nos últimos anos importantes incidencias, sexan de orixe natural ou humana. Abonda con lembrar os dramáticos incendios forestais de 2017 que amenazaron seriamente a nucleos habitados, os incendios que acabaron estragando vivendas en Calvelo e A Corredoira, ou os cada vez máis frecuentes accidentes automobilísticos, que se saldan con persoas feridas ou mortas, e nos que, ao noso entender, a precaria situación da nosa rede de estradas ten moito que ver.

Esta situación pon en evidencia que, para dar un servizo axeitado á nosa veciñanza, precisamos contar cuns medios de emerxencia, tanto sanitarios como de bombeiros, que sexan capaces de prestar os seus servizos cun tempo de resposta rápida e eficaz. E o alcalde, con toda a veciñanza e a corporación detrás, ten que moverse e esixir das outras administracións os servizos de emerxencias necesarios para dar resposta ás necesidades dos nosos veciños e veciñas.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte

Moción:

  1. Instar á Xunta de Galiza e á Deputación de Pontevedra a que, en diálogo cos concellos afectados, se senten a negociar para a construción dun novo parque de bombeiros, que permita unha resposta rápida e axeitada aos posíbeis incidentes, eliminando as zonas de sombra que existen no noso concello.
  2. Instar ao Sergas, a que adopte con urxencia todas as medidas necesarias para garantir unha atención sanitaria pública digna (médica, enfermaría, pediatría, matrona) no concello de Cerdedo-Cotobade e en toda a área sanitaria de Pontevedra-O Salnés e a resolver urxentemente a situación das urxencias hospitalarias e pediátricas na área sanitaria de Pontevedra-O Salnés.
  3. Instar ao Sergas a dotar dunha ambulancia de soporte vital avanzado ao PAC de Cerdedo.