Moción referida á "UTILIZACIÓN DO IDIOMA GALEGO NO CONCELLO" 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida a: “UTILIZACIÓN DO IDIOMA GALEGO NO CONCELLO”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O 6 de febreiro de 2019, o BOPPO publicaba a Ordenanza Municipal de Uso, Emprego e Defensa do Galego, do Concello de Cerdedo-Cotobade que no seu artigo I estabelece o idioma galego como o idioma ofical do Concello. O BNG, que sempre lle deu unha importancia capital ao papel que deben cumprir a administración municipal no impulso e extensión de ámbitos de uso do noso idioma, considerou esta Ordenanza como un paso positivo no camiño de lograr a plena normalización da nosa lingua.
No limiar da citada ordenanza, pódese ler “A lingua constitúe a principal manifestación da identidade cultural dun pobo e, desde o Concello de Cerdedo-Cotobade quérese impulsar o seu uso, emprego e defensa. O galego constitúe o noso principal patrimonio cultural como sinal de identificación e diferenciación de Galicia”. Desde o BNG non podemos estar máis de acordo e apoiaremos sempre calquera medida tendente ao fomento do noso idioma.
Desde o BNG queremos lembrar que o compromiso co idioma maniféstase fundamentalmente a través do seu uso. Non obstante, apareceron nas marquesiñas ubicadas en distintos puntos do noso termo municipal, rótulos co seguinte texto “Prohibido fijar carteles. Concello de Cotobade”, que incumpren o sentido e a literalidade da nosa ordenanza de “Uso, Emprego e Defensa do Galego”. 
Polo tanto, desde o BNG, en coherencia co principios que rexen a ordenanza de Uso, Emprego e Defensa do Galego do Concello de Cerdedo-Cotobade, instamos ao goberno municipal a que rectifique e retire os rótulos en español das marquesiñas, substituíndoos por outros no noso idioma, dando así cumprimento á Lei de Normalización Lingüística e á nosa Ordenanza Municipal. O Goberno municipal debe ser un exemplo para os veciños e veciñas do noso concello.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

O Goberno Local cumprirá e fará cumprir a Ordenanza Municipal do Uso, Emprego e Defensa do Galego de 2019.
O Goberno Local substituirá da forma forma máis rápida posíbel as rotulacións en español das marquesiñas por outras escritas en lingua galega. 
O Goberno Local garantirá que todo o persoal ao servizo da administración local estea en condicións de empregar o idioma galego, tanto a nivel oral como escrito, para o que porá todos os medios necesarios para facilitar o coñecemento do idioma a aquel persoal municipal que non teña os coñecementos necesarios para exercer as súas funcións.