Moción referida á “OPTIMIZACIÓN DO SERVIZO DE RECOLLIDA SELECTIVO DO LIXO E APOSTA POLA COMPOSTAXE”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O BNG leva recollido nos encontros mantidos coas entidades sociais e veciñais unha queixa que é común a boa parte do concello: o servizo de recollida de lixo préstase de xeito deficiente e desigual en diversos lugares das nosas parroquias. Así pois, unha das denuncias máis habituais ten que ver coa escasa frecuencia coa que se procede á limpeza integral dos colectores. Outra das apreciacións veciñais, e non menos importante, é a distribución excesivamente espallada dos diversos tipos de colectores nas parroquias o que non axuda á mellora do proceso selectivo dos residuos. Ademáis, a veciñanza da conta da falla de illas perfectamente localizadas e dotadas do total dos colectores selectivos: amarelo (plásticos, latas e bricks), azul (papel e cartón), Iglú verde (vidro), xenéricos (non reciclábeis) e o de aceite. Unha limpeza axeitada dos colectores e das illas implica apostar por un servizo de recollida de lixo eficaz a fin de incentivar á veciñanza a reciclar máis e de xeito óptimo, aforrar unha notable cantidade de materias primas e enerxía, reducir o volume de residuos a tratar ou eliminar e diminuir o custo no tratamento do lixo.

Por outra banda, o BNG considera importante traballar na optimización da compostaxe. O autotratamento dos orgánicos é un proceso doméstico que require promoción, formación social e dotación dun elemento composteiro por fogar, polo que, o BNG insta ao goberno local a se implicar para incrementar os procesos de autocompostaxe entre a veciñanza e a traballar de cara a conquerir melloras notabeis na recollida selectiva do lixo a fin acadar un concello sustentábel que incremente o benestar das persoas e a calidade medioambiental da contorna.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Redacción dun estudo municipal que planifique a ubicación das “illas cos colectores selectivos” nas parroquias e optimice a recollida do lixo nun prazo de 3 meses.
  2. Segundo o que se desprenda do estudo municipal levar a cabo a contrución das illas necesarias e/ou completar as existentes cos colectores selectivos que falten antes de que remate o 2022.
  3. Levar a cabo campañas de limpeza e hixienización dos colectores.
  4. Desenvolver unha campaña local en favor da compostaxe, organizar cursos de  formación da compostaxe nas casas do pobo parroquiais coa entrega dun composteiro.