Ernesto Filgueira insta a Cubela mellorar a recollida selectiva e a compostaxe en Cerdedo-Cotobade

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Cerdedo-Cotobade, 11 de maio de 2022. “Nos encontros que mantivemos con entidades sociais e veciñais hai unha queixa que é común a boa parte do concello: o servizo de recollida de residuos municipais préstase de xeito deficiente e desigual en diversos lugares das nosas parroquias”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira. Entre as denuncias máis habituais están a falta de limpeza dos colectores, unha distribución excesivamente espallada que non favorece a recollida selectiva, e a falta de illas de recollida selectiva localizadas e dotadas de todos os colectores. 

Ademais, para o portavoz nacionalista “a compostaxe é o paradigma para o tratamento dos bio- residuos, pero a súa implantción no concello deixa moito que desexar. Non se trata só de cumprir a Lei, trátase de mellorar o noso medio natural, que é un dos grandes valores do noso Concello”. 

Filgueira lembrou que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha xa en 2015 un plan pioneiro, o Plan Revitaliza,, ao que o noso Concello se adheriu tres anos despois, en 2018. Este Plan busca impulsar un modelo de tratamento dos residuos baseado na compostaxe e no tratamento a quilómetro cero dos biorresiduos municipais, único xeito de que os concellos poidamos cumprir os obxectivos fixados na normativa europea, estatal e galega en canto a porcentaxes de residuos orgánicos recollidos e aproveitados. 

Pero, a día de hoxe, lembrou Filgueira, “Cerdedo-Cotobade é un dos concellos da provincia que vai máis lento na extensión da compostaxe”. Existe un único centro de compostaxe comunitaria na parroquia de Tenorio, asociada ao colexio, que non está a funcionar. E en canto á compostaxe doméstica, aínda que o Concello repartíu hai anos composteiros individuais cedidos pola Xunta, non consta que se fixese nunca ningún tipo de seguimento sobre a súa correcta utilización. Este seguimento é un paso imprescindíbel para ver se se está a facer ben o proceso da compostaxe, ou non. 

Polo tanto, o BNG, para mellorar o tratamento dos residuos, solicita a redacción dun estudo municipal que planifique a ubicación das “illas” dos colectores de recollida selectiva nas parroquias e optimice a recollida dos residuos nun prazo de 3 meses, e, en función dese estudo, deseñar e executar a construción das illas necesarias e/ou completar as existentes cos colectores que falten antes de que remate o presente ano 2022. 

Outro aspecto a realizar é poñer en marcha campañas de limpeza e hixienización dos colectores, para que estean en perfecto estado. 

E, por último, o BNG insta a desenvolver unha campaña local en favor da compostaxe, organizando cursos de formación e entregando composteiros individuais á veciñanza, se for preciso.