Moción referida ao "PLAN INTEGRAL DE VALORIZACIÓN, PROMOCIÓN E COMERCIALIZACIÓN DOS PETRÓGLIGOS DE CERDEDO-COTOBADE”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: 

As terras de Cerdedo-Cotobade son especialmente sensíbeis á concentración de bens arqueolóxicos, especialmente petróglifos, que se ben atópanse repartidos polo conxunto do concello certo é que existe unha importante e destacada concentración dos mesmos ás beiras do río Lérez. Máis, a actual situación na que se atopan as laxes é, por desgraza, de completo abandono. Falla de limpeza, ausencia de barreiras perimetráis sólidas de protección, escasa ou nula sinalización, accesos intransitábeis e invadidos por matorral tal e como ten denunciado o BNG en diversas ocasións a respecto.

Pese aos habituais anuncios do goberno local de melloras nas laxes de arte rupestre do concello as accións, con achegas económicas da Xunta, só se limitan a rozas moi espalladas no tempo, sen acabar de presentar un proxecto potente que permita pór en valor todo o rico conxunto de gravados rupestres cos que contamos en Cerdedo-Cotobade.

Asemade, a maior parte das laxes foron catalogadas décadas atrás, proceso que aínda continúa esporádicamente grazas á laboura de investigación por parte de veciños especialistas nesta materia. Habida conta da importancia e diversidade dos gravados existentes -algúns deles BIC- deben ser considerados como un arte definitorio e un elemento de identidade para a cultura e a actividade turística sostible de Cerdedo-Cotobade que permita facer do noso rico legado arqueolóxico un importante catalizador económico para os negocios das nosas parroquias. Así pois, para as laxes do Lombo da Costa, Laxe das Rodas, Laxe do Cuco e Laxe de Cernadelo en San Xurxo; o conxunto rupestre de Fentáns; os petróglifos do Portoval de Valongo ou a laxe da Porteliña de Corte de Aguasantas… e outros do concello a considerar, é imprescindíbel musealizalos e situalos como referencia da arte rupestre no País.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

1. Reclamar un plan de limpeza perimetral das laxes de petróglifos cun protocolo acaído a este tipo de arte rupestre.

2. Solicitar a actualización do inventario de arte rupestre protexido localizado no concello.

3. Reclamar un plan de actuación de posta en valor das laxes de arte rupestre con vaiados de protección, estacións de observacións e sinalización.

4. Habilitar un Centro de Interpretación adicado ao Arte Rupestre de Cerdedo-Cotobade 

5. Creación dunha Marca de Identidade.

6. Plan de promoción en medios convencionais e dixitais e negociar con touroperadores turísticos a introdución dos petróglicos na paquetización de programas de viaxes culturais.