Moción referida a “PECHE DA OFICINA DE ABANCA EN CARBALLEDO”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Sr Alcalde:

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida a:“PECHE DA OFICINA DE ABANCA EN CARBALLEDO”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Dende o presente verán a sucursal de Abanca en Carballedo, a única oficina bancaria que existía no territorio de Cotobade, foi pechada por unha decisión unilateral da dirección da entidade finaneira que dirixe o sr Juan Carlos Escotet. Non é un peche illado, pois, moitas outras oficinas da bisbarra e do conxunto do País están pechadas ou están a piques de o facer segundo o anunciado pola propia entidade financeira.

Deste peche extráense varias leituras nada favorecedoras para o tecido económico formado polas pequenas empresas e autónomos locais e abre unha fonda brecha social atendendo a diversas razóns económicas, xeográficas e de acceso ás novas tecnoloxías.

Cabe subliñar que este peche supón unha gran perda para o futuro da capital municipal, pois, obriga á veciñanza a se trasladar a outras localidades para levar a cabo as súas xestións bancarias o que supón unha merma nas compras e no consumo tradicional nos negocios sitos en Carballedo.

O BNG entende que este peche é a estocada final que asesta Abanca, con alevosía, á veciñanza das parroquias do territorio de Cotobade e especialmente á capital municipal ao non respectar o aforro e as xestións bancarias das familias cotobadesas, nin o peso financeiro do concello, nin tan sequera a liña social que históricamente viña mantendo a entidade nun territorio rural como o de Cotobade.

O BNG considera que son moitos os prexuízos de índole económica e social que se derivan do peche da sucursal de Abanca en Carballedo decidido polo sr Escotet en clara connivencia co Presidente da Xunta de Galiza ao compartiren a estratexia común de afondar, de xeito progresivo, na merma dos servizos públicos necesarios para manter unha vida de calidade e digna no rural. Tal é o caso do Concello de Cerdedo-Cotobade.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Declarar “persoa non grata” ao sr Escotet, Presidente de Abanca.
  2. Retirar de xeito inmediato as contas municipais de Abanca.
  3. Rexeitar instalar caixeiros automáticos financiados coa liña de axudas públicas aberta pola Xunta de Galiza para este fin nin apoiar esta medida con fondos municipais (nin económicos nin materiais).
  4. Trasladar este acordo á dirección de Abanca para que reconsidere o peche da oficina de Carballedo e reactive a actividade da mesma de xeito urxente.