O BNG de Cerdedo-Cotobade propón declarar persoa non grata ao sr Escotet, Presidente de Abanca.

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira: “No BNG estamos moi preocupados pola situación de deserto bancario no que queda a nosa capital municipal, Carballedo. Un golpe á calidade de vida da nosa veciñanza e ao rural asestado polo señor Escotet en connivencia co PP que non dubida en apoiar o peche subvencionando o mantemento de caixeiros con diñeiro público”.

O BNG de Cerdedo-Cotobade denuncia que o peche da sucursal de Abanca en Carballedo responde a unha decisión unilateral e arbitraria da entidade bancaria que dirixe o sr Juan Carlos Escotet. Para a organización nacionalista resulta incomprensible entender este peche cando era a única sucursal coa que contaban as parroquias do histórico territorio de Cotobade.

Segundo expresan dende o BNG, “este peche supón unha creba nas oportunidades e na competitividade do tecido económico formado polas pequenas empresas e os autónomos locais e abre unha fonda brecha social atendendo a diversas razóns económicas, xeográficas e de acceso ás novas tecnoloxías”.

Segundo manifesta o portavoz local Ernesto Filgueira: “é un ataque para o futuro da capital municipal xa que obriga á veciñanza a se trasladar a outras localidades para levar a cabo as súas xestións bancarias deixando de comprar e consumir nos establecementos comerciais de Carballedo. É un ataque ao sentimento veciñal de capitalidade en toda regra”.

O BNG entende que este peche é o golpe final que asesta Abanca, con aleivosía, á veciñanza das parroquias do territorio de Cotobade e especialmente á capital municipal ao non respectar o aforro e as xestións bancarias das familias cotobadesas, nin o peso financeiro do concello, nin tan sequera a liña social que históricamente viña mantendo a entidade nun territorio tan rural como o de Cotobade.

As circunstancias descritas así como o molestar veciñal e empresarial patente nas parroquias motiva a Ernesto Filgueira a defender no vindeiro pleno municipal unha moción para reclamar do PP e do PSOE o voto a favor de declarar ao sr Escotet, Presidente de Abanca, persoa non grata en Cerdedo- Cotobade. Ademáis, a moción solicita o acordo da corporación para retirar de xeito inmediato as contas municipais de Abanca, rexeitar instalar caixeiros automáticos financiados coa liña de axudas públicas aberta pola Xunta de Galiza e darlle traslado inmediato do acordo plenario á dirección de Abanca para que reconsidere o peche da oficina de Carballedo.

É a nosa obriga denunciar os prexuízos económicos e sociais para a nosa veciñanza tralo peche de Abanca, e un deber político denunciar que se está a acabar de facto coa capitalidade de Carballedo e é urxente denunciar o doble discurso do PP, pois, por un lado participa en manifestacións veciñais e por outro financia a Abanca con diñeiro público para manter caixeiros automáticos nas sucursais pechadas