Moción referida a: “Plan de acondicionamento, homologación e promoción das rutas de sendeirismo e BTT”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Sr Alcalde,

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida a: “Plan de acondicionamento, homologación e promoción das rutas de sendeirismo e BTT”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

O Concello de Cerdedo-Cotobade conta, na súa extensa superficie, cunha importante riqueza natural, paisaxística e etnográfica que precisa de atención, protección e a posta en marcha dun estudado e ambicioso plan que poña en valor o medio natural e aqueles recursos culturais e etnográficos integrados no mesmo a fin de acadar un verdadeiro activo dinamizador económico e social para Cerdedo-Cotobade.

O BNG considera que as principais rutas de sendeirismo e BTT existentes no concello requiren dunha mellora integral. Mellora que debe ser acordada en colaboración cos principais axentes sociais e comunais involucrados.

O turismo sostible centrado no ámbito rural, é para o BNG, unha das grandes potencialidades necesarias para o desenvolvemento da economía verde circular do municipio. Unha oportunidade para xerar riqueza partindo da convivencia e o equilibrio entre visitantes e a veciñanza local. Unha carreira de posicionamento turístico coa correspondente promoción dos valores naturais, saudábeis e deportivos que non debe perder o concello na súa condición de territorio de paso entre as Rías Baixas, as terras de Montes e a comarca do Deza.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Elaborar un plan director técnico de acondicionamento, sinalización e promoción das rutas de sendeirismo e sendas BTT que se determinen como estratéxicas para acadar o posicionamento de Cerdedo-Cotobade como potencia en materia de sendeirismo, cicloturismo e deportes de turismo activo sostibles e verdes.
  2. Habilitar unha partida económica nos vindeiros orzamentos que permitan executar o plan director técnico proposto e mantelo ao longo do ano.
  3. Crear un grupo de traballo entre goberno, comunidades de montes e asociacións de veciños para brindar a cobertura técnica precisa a fin de acadar a homologación oficial das mesmas.
  4. Abordar o seguimento de todo o traballo da posta en marcha e execución do Plan de acondicionamento, homologación e promoción das rutas de sendeirismo e BTT na comisión municipal correspondente.