Moción referida á "A LINGUA GALEGA"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O proceso de normalización da lingua galega realizado até o día de hoxe por parte das administracións públicas non foi suficiente para garantir o dereito a vivir libremente na lingua propia de Galiza. A día de hoxe constátanse importantes vulneracións á legalidade vixente como o Estatuto de Autonomía, a Lei de normalización lingüística ou a Carta europea de linguas rexionais ou minoritarias, mais tamén existe un importante desleixo por parte da Xunta de Galiza á implementación de políticas que favorezan o uso do galego e contribúan a aumentar o número de galegofalantes. A política lingüística emprendida polo actual goberno galego non vai na dirección correcta e así o desmostran os estudos diferentes realizados polo Consello da Cultura Galega (CCG) e a Real Academia Galega (RAG) en relación á lingua galega.

Asistimos a un panorama onde as persoas galegofalantes non gozamos de dereitos que nos amparen no uso do idioma día a día, resulta evidente que a pouca lexislación que pode protexernos non se aplica mentres que as máis de 500 disposicións legais que obrigan e protexen o castelán fanse cumprir rigorosamente. Resulta rechamante que sexa a propia Xunta de Galiza e outras administracións públicas as que incumpren os mandatos legais.

As políticas promovidas polo Partido Popular están lonxe de contribuír o uso da lingua galega, máis ben están provocando todo o contrario, cuxo máximo emblema é o Decreto do plurilingüísmo. Este decreto prohíbe dar certas materias no idioma propio do país, furtándolle á mocidade a posibilidade de adquirir coñecementos en galego e, polo tanto, incumprindo co mandato de garantir que o alumnado teña o mesmo nivel de competencias nas dúas linguas oficiais.

Alén do decretazo, o Partido Popular segue traballando arreo na minorización do galego pois non hai máis que ver como o señor Núñez Feixoo xa se dirixe ao pobo galego en castelán nas súas comparecencias durante a pandemia provocada pola COVID-19. O presidente da Xunta, con esa actitude, só incide nos prexuízos cara á lingua galega. Por outra banda, vemos como as súas políticas van orientadas ao monocultivo do Xacobeo, mentres partidas orzamentarias para o fomento da lingua e da cultura galegas se viron drasticamente reducidas. Concretamente as políticas de fomento da lingua galega apenas superan os 8,5 millóns de euros cando en 2008 destinábanse 23 millóns de euros.

Froito da importancia da nosa lingua no eido internacional e os seus vínculos coa lusofonía e a lingua portuguesa, o Parlamento galego aprobou hai 6 anos a Lei 1/2014, do 24 de marzo, a chamada Lei Paz Andrade que a día de hoxe segue sen desenvolverse malia ao senJr favorábel da poboación galega.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:

  1. Instar á Xunta de Galiza e á Real Academia Galega a ampliar ao ano 2021 a dedicación do Día das Letras Galegas a Carvalho Calero.
  2. Dirixirnos á Xunta de Galiza para que todos os membros do goberno galego respecten a lexislación vixente e empreguen a lingua galega en todas as súas manifestacións públicas, nomeadamente o seu Presidente.
  3. Instar á Xunta de Galiza a que adopte medidas económicas extraordinarias para apoiar o sector da cultura e do Libro en galego
  4. Instar á Xunta de Galiza a derrogar o Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galiza e elaborar un novo marco lexislativo que conte co consenso das forzas políticas do Parlamento galego.
  5. Instar á Xunta de Galicia a restituír o orzamento recortado durante os últimos anos, incrementando as partidas dirixidas á defensa e promoción da lingua galega e tamén as necesarias para implementar a Lei Paz Andrade.
  6. O Concello de Cerdedo-Cotobade promoverá a realización de campañas de dinamización lingüística e promoción do uso da lingua galega en diferentes sectores, dándolle especial importancia á infancia e á mocidade.