Moción referida á "ELABORACIÓN DUN PLAN GALEGO DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

A crise económica e social que xa estamos a vivir como consecuencia da pandemia da covid-19, vai ter unha virulencia especial na Galiza, cunha situación económica xa moi debilitada e dependente.

Nesta situación é imprescindíbel facer políticas atrevidas, valentes e decididas que rachen coa dinámica de parcheo que o único que fai é sustentar o sistema e rebota os efectos da crise sobre os sectores máis desfavorecidos, sobre as clases populares. Os grandes beneficiados, se non o remediamos serán a banca e as grandes corporacións económicas.

Os concellos non teñen competencias estruturais en materia económica e política fiscal. As decisións que se poidan adoptar para facer fronte á crise dende o ámbito local van depender das medidas lexislativas e executivas que se adopten polo Estado español e pola Xunta de Galiza.

Para que a administración local poida despregar a súa capacidade de actuación nesta situación é fundamental a derrogación da lei de Orgánica 2/2012, de 27 de abril, de estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira (lei Montoro), xa que esta lei recolle tres regras fiscais (estabilidade, regra de gasto e débeda) para priorizar o pago da débeda aos bancos.

Esta lei deriva da modificación do art. 135 da Constitución española en 2011. Sen a derrogación desta norma as posibilidades de actuación das diferentes administracións veríanse moi minguadas, e quedarían en actuacións de beneficencia.

Están a ser cada vez máis preocupantes as informacións en distintos medios de comunicación da intención do Ministerio de Facenda de utilizar os depósitos remanentes municipais, no canto de permitir que sexan utilizados polos concellos en actuacións da súa competencia. Esta decisión deixaría á administración local sen ningunha capacidade de acción.

Nunha situación como a que estamos a vivir é fundamental a elaboración de mecanismos de solidariedade social nacionais: claridade dos recursos dispoñíbeis en cada nivel de intervención pública, priorización no emprego colectivo destes recursos para que cheguen a quen os precisa (sen que dependa do concello no que residan) e exercicio responsábel das competencias de cada institución, evitando duplicidades, solapamentos e baleiros inadmisíbeis.

Para isto faise preciso a elaboración dun plan galego de reactivación económica e social, consensuado entre as distintas administracións, forzas políticas, sectores eaxentes sociais. Esta proceso debe estar dirixido polo goberno galego e refrendado polo Parlamento Galego.

A FEGAMP, como asociación dos concellos e deputacións galegas, debe xogar un papel fundamental, sen delegar na FEMP a representación dos concellos galegos. Os concellos galegos van ver máis diminuída a súa capacidade de intervención, investimento e gasto se a interlocución municipal ten como referencia o mapa municipal estatal.

Dada a estrutura da economía galega, cunha elevadísima porcentaxe de traballadores e traballadoras por conta propia e pequenas empresas, o plan galego debe ter especialmente en conta a súa situación e estabelecer axudas directas, complementarias das do estado, para que podan seguir a desenvolver a súa actividade. Debe haber unha actuación urxente do goberno galego a estes sectores da economía, como xa aprobaron outras comunidades autónomas.

Por estes motivos, o grupo municipal do BNG solicita do Pleno da Corporación municipal a adopción do seguinte ACORDO:

  1. Instar a Xunta de Galiza á iniciar a elaboración dun plan galego de reac4vación económica, consensuado con todas as administracións, forzas políticas, axentes e sectores sociais. Este plan debe delimitar claramente as competencias das distintas administracións, para evitar duplicidades e baleiros no emprego dos recursos públicos.
  2. Instar á Xunta de Galiza á elaboración con urxencia dun plan galego de axudas, que complemente as medidas do estado, a autónomos e pemes.
  3. Instar á FEGAMP e á Xunta de Galiza a esixir a derrogación da Lei Montoro para permitir que os concellos poidan desenvolver toda a súa capacidade de investimento e gasto.
  4. Manifestar a firme oposición da corporación municipal a calquera pretensión do Ministerio de Facenda de incautar ou bloquear os fondos municipais.