Moción referida á "EFIMÉRIDE RICARDO PORTELA"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ricardo Portela Bouzas (Viascón, 1920- Pontevedra, 1992) é un dos máis prestixiosos gaiteiros do País. Fillo dun gaiteiro e acordeonista. Fiel seguidor da obra de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo. Viviu en Vigo, en Lugo, emigrou a Venezuela, onde se vencellou ao Lar Gallego e fundou un grupo de gaitas. En 1959 establécese na bisbarra, entre Viascón e Pontevedra.

Cabe salientar obras tan relevantes coma 'Festa en Viascón' (1980), 'Alborada en Cotobade’ (1990) coas que gañou unha notable repercusión nos círculos gaiteiros. Destaca a súa participación no triple álbum "'instrumentos Musicais Populares Galegos' (Sonifolk, 1987) e a súa actuación na homenaxe a José Afonso gravada en directo no parque de Castrelos en 1985 nun CD baixo o título de 'Galiza a José Afonso’; sen esquencernos das súas colaboracións co prestixioso grupo Milladoiro. Na década dos 80 Portela vivíu a súa etapa de esplendor, pois, participou nas primeiras xuntanzas de gaiteiros en Ortigueira que derivaron na creación da Asociación de Gaiteiros Galegos da que foi presidente fundador. Actuou en destacados festivais de renome (Festival de Ortigueira en 1982, III Festival de Inverno en Vigo no 1983, ou no I Festival Nocturno Celta do Morrazo en 1985, antecesor do actual Festival Intercéltico do Morrazo).

Ricardo Portela ben se merece un lugar destacado na historia do País por méritos propios dada a súa relevancia coma gaiteiro, compositor e defensor do toque pechado e pola loita en favor da dignificación da gaita galega e da figura do gaiteiro como tal. A súa figura é unha fonte de inspiración para todos os gaiteiros galegos ademáis dun notable referente tanto na parroquia de Viascón coma no conxunto de Cerdedo-Cotobade así coma un grande embaixador da nosa cultura e do noso municipio polo mundo adiante.

Asemade, este ano 2020 debemos celebrar o centenario do nacemento do Gaiteiro Ricardo Portela aínda que dadas as circunstancias sanitarias actuais obrigan a pospor as actividades públicas que foran precisas para a celebración da efiméride. Motivo que leva ao BNG a considerar que debe ser este ano mailo 2021 o momento máis axeitado para levar a cabo as principais actividades a prol da valoración da súa figura así como da súa obra.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo e Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Declaración durante o 2020 do “Ano Gaiteiro Ricardo Portela” e estendelo durante todo o 2021.
  2. Declaración durante o 2020 do Gaiteiro Ricardo Portela Fillo Predilecto a título Póstumo.
  3. Creación durante o 2020 e extendido durante o 2021 do “Consello Gaiteiro Ricardo Portela” dirixido polo Goberno local co obxeto de organizar e axilizar todas as actividades de valoración da súa figura así como mediar entre as entidades sociais e persoas a título persoal do Concello Cerdedo-Cotobade coma outras entidades sociais e persoas a título persoal de fóra do concello que desexen involucrarse na efiméride Gaiteiro Ricardo Portela.
  4. Designar de cada grupo que conforma a Corporación Municipal de Cerdedo-Cotobade un representante para ser integrado no “Consello Gaiteiro Ricardo Portela” para aportar e colaborar na organización do conxunto dos actos a desenvolver durante o 2020-2021.