Pacto polos Baños do San Xusto

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira convida a PP e PSOE a asinar un “Pacto polos Baños do San Xusto”.

Ernesto Filgueira: “Sinto tristeza ante a situación de confrontación e división veciñal creada entre o PP e o Psoe no marco do proxecto dos Baños do San Xusto, tan importante para o futuro do concello”.

O portavoz do BNG local, Ernesto Filgueira, sente conmoción diante da crispación social aberta nas últimas semanas como consecuencia do agro enfrontamento entre os grupos municipais do PP e do PSOE ao abeiro do proxecto dos Baños do San Xusto. Filgueira, como un dos concelleiros máis activos e propositivos da corporación, entende que o control do goberno é preciso e que a discrepancia constructiva reactiva a vida política municipal. Máis, para o portavoz nacionalista é prioritario que haxa unha boa comunicación entre goberno e oposición. Por este motivo, dende o BNG solicitarase na vindeira Xunta de Portavoces maior concreción e información dos proxectos de carácter estructural que ten ou poña en marcha o goberno a fin de acadar unha perfecta engranaxe entre o goberno e a labor fiscalizadora da oposición.
Así pois, Ernesto Filgueira quere mediar entre Cubela e Lina Garrido para lograr reducir a tensión persoal existente entre ambos. Unha tensión que está a resultar negativa para os intereses xerais da veciñanza de Cerdedo-Cotobade. O obxectivo da mediación é alcanzar un “Pacto polos Baños do San Xusto” no que o conxunto da corporación empurre por un proxecto que serva para beneficiar a economía local, dinamizar o sector turístico e consolidar a imaxe da Carballeira, do entorno natural dos Meandros do Lérez e potenciar a vila de San Xurxo como un referente en materia de termalismo coa apertura dos Baños do San Xusto. 
Para o BNG é unha iniciativa que debe ser apartada da crispación política. Tal é a importancia estratéxica e o valor engadido que considera que aporta ao municipio que o leva defendendo dende o ano 2011 no seu programa electoral cando, por primeira vez na historia local, o grupo nacionalista facía pública a idea de crear unha estación termal no prestixioso entorno do San Xusto aproveitando, tamén, a marca sostida no tempo grazas ao esplendor do balneario existente a finais do XIX.

Ernesto Filgueira: “Co Pacto polos Baños do San Xusto defendemos a oportunidade de crear un movemento económico a partires da estación termal e do seu entorno natural apostando polo turismo sostíbel e saudábel a fin é atraer persoas desexosas de riqueza termal, paisaxística, etnográfica e arqueolóxica que reflicta nunha dinámica beneficiosa para os pequenos negocios do concello”.