O BNG denuncia o silencio cómplice de Cubela ante a declaración favorábel da Xunta ao estudo de impacto ambiental do P.E. dos Cotos

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

“Xa desde o primeiro momento advertimos que a Xunta tiña un interese especial na construción do Parque Eólico dos Cotos, que declarou de interese autonómico, aprobou a tramitación de urxencia e puxo a exposición pública en pleno nadal do ano pasado para furtar a participación veciñal”, afirmou Ernesto Filgueira. o portavoz nacionalista lembrou que a empresa ECOENER -propietaria de Tiraventos SL- “é un poderoso entramado empresarial rodeado dunha nube de sospeitas, que xa favorecido no seu día polo goberno de Fraga, investigada pola fiscalía e acusada de graves delitos en paises de latinoamérica, unha empresa da que forman parte personaxes como Luís de Valdivia, vocal do “Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel”, órgano de consulta e asesoramento da consellería que avala o proxecto, ou os ex-ministros do PP, Eduardo Serra e Ana Palacio”. “O informe da consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda” é clarisimamente un informe de parte”, afirmou Ernesto Filgueira. 

O portavoz nacionalista lamenta que Cubela non recurrise ante a xustiza este PE nin aportase apoio xurídico ás plataformas que loitan contra a súa instalación, como lle demandou o BNG e anuncia unha nova iniciativa pola vía de urxencia no vindeiro pleno do día 1 de decembro para obligar ao alcalde a dar a cara e a se comprometer a recurrir no xulgado este novo ataque ás nosas parroquias. 

O parque dos Cotos ten unha poligonal de centos de hectáreas nas parroquias de Carballedo, Rebordelo, Borela, viascón, Loureiro e Augasantas (concello de Cerdedo-Cotobade). Ten unha potencia total de 30 MW, con 6 aeroxeradores de 5 MW, e unha altura total duns 200 m sumando a envergadura do fuste e das aspas. Ademais, inclúe a construción dunha subestación, unha liña de media tensión, e grandes explanacións do terreo para o acceso e construción do parque. e, a maiores, prevese a construción dunha liña de alta tensión através dos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra até a subestación eléctrica de Ponte Sampaio. 

Na práctica, o Parque eólico dos Cotos constitúe un proxecto de industrialización do monte, que responde a un modelo agresivo, depredador dos recursos naturais, que favorece os intereses lucrativos das empresas promotoras e que vai causar graves perxuicios no territorio: na paisaxe, nos usos tradicionais do medio, nos recursos hídricos e mananciais de abastecemento de auga, no valor do chan incluido na poligonal, nas espectativas como zona residencial ou turística, e na calidade de vida da veciñanza, que se verá afectada polo ruído, a intrusión visual, a contaminación lumínica ou o efecto sombra. 

“En Cerdedo-Cotobade todos e todas estamos en contra deste parque eólico, desde a veciñanza, que o demostrou por activa e por pasiva, até a totalidade das forzas políticas que formamos parte da corporación municipal, que instamos á súa paralización polas graves repercusións que tería no territorio, pero a Xunta do PP fai ouvidos xordos a unha reivindicación que é todo un clamor, e aposta por destrozar o noso territorio e o noso futuro”, afirmou Filgueira. 

“Volveremos a levar o tema ao Concello, e instaremos ao alcalde a que se deixe de tibiezas e defenda aos veciños e veciñas afectados por esta decisión da Xunta do PP”, a pesar de que distintos estamentos da propia Xunta recoñecen a alteración da vexetación, o perigo para a fauna, a contaminación visual, a afectación a 11 captacións de auga e que a toda a rede hídrica é susceptíbel de impacto, ademais da súa proximidade a carballeiras, foxos do lobo, monumentos megalíticos, asentamentos castrexos, e a construción de catro quilómetros de novas pistas e ensanchar outros seis até os seis metros de largo.