O BNG urxe solucionar o estado lamentábel das piscinas de Cabanelas, en Viascón

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Hai unhas semanas o concello de Cerdedo-Cotobade levou a cabo unha deficiente e desafortunada obra na contorna das piscinas de Cabanelas, na parroquia de Viascón, coa colocación de algunha varanda, raspado de talude, subida dun irregular muro e colocación de area a carón da piscina da cativada, unha actuación que dista moito da mellora integral que precisa e se demandaba para todo este espazo. 

A imaxe que dan as piscinas, a día de hoxe, é de total abandono, suxas, coa matogueira até a cintura, e co columpio e o tobogán para as crianzas imcumprindo a lexislación vixente en materia de seguridade. 

O pasado mes de xullo, o BNG presentou unha moción, cuxo debate foi vetado polo PP e o PSOE, no que se propoñía acometer unha serie de actuacións necesarias para mellorar a parroquia de Viascón, sacándoa do esquecemento á que a ten sometida o goberno municipal, no que se facía fincapé nunha seríe de puntos entre as que se atopaba a reforma integral das piscinas de Cabanelas. 

“Demandamos claridade ao sr Cubela a respeito desta desastrosa intervención nas piscinas públicas de Cabanelas, esiximos saber se houbo proxecto para as mesmas, e cal foi o seu orzamento”, afirmou Ernesto Filgueira, que afirmou “sentise avergoñado” do nivel suciedade e falla de limpeza na que a veciñanza e visitantes atopan as piscinas. 

O portavoz municipal do BNG esíxelle a Cubela que deixa de discriminar a Viascón e proceda a unha reforma Integral da contorna das piscinas de Cabanelas, que conte cun espazo paisaxístico con especies autóctonas, un moderno parque infantil adaptado á lexislación vixente e unha área de recreo co seu mobiliario urbano e limpeza.