BNG trasladará ao Goberno do Estado as urxentes actuacións que precisa a N-541 ao seu paso por Cerdedo Cotobade
Os representantes do BNG nas Cortes do Estado, Néstor Rego e Carme da Silva, comprométense a levar os problemas de seguranza viaria na N-541 ao seu paso polo municipio de Cerdedo Cotobade após a reunión mantida con representantes da organización a nivel local. O voceiro municipal do BNG, Ernesto Filgueira, sinala que, frente á pasividade do goberno municipal, a organización nacionalista trasladará a urxencia de que o Ministerio de Transportes atenda as demandas veciñais e leve a cabo actuacións.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, e a senadora do BNG, Carme da Silva, mantén un encontro con representantes do BNG no Concello de Cerdedo Cotobade encabezados polo voceiro municipal, Ernesto Filgueira, a responsábel comarcal, Ana Peralba.
“O BNG vén realizando un traballo intenso a nivel local para que o goberno municipal, e tamén o Goberno do Estado, atendan as demandas veciñais a respecto da mellora integral da N-541 ao seu paso polo termo municipal de Cerdedo Cotobade” lembra o voceiro municipal, Ernesto Filgueira, recordando as numerosas mocións levadas ao pleno do Concello de Cerdedo Cotobade.
Tamén, engade Filgueira, iniciativas nas Cortes do Estado para coñecer se o Ministerio de Transportes coñecía as necesidades desta estrada que atravesa a localidade e en todos os puntos que precisan de actuacións urxentes: “Calvelo, Tenorio, San Xurxo de Sacos, Santa María de Sacos, no propio Cerdedo” enumera.
“Todo este traballo co obxectivo de que o Goberno do Estado, e no concreto o Ministerio de Transportes, actúe con urxencia para unha reposición integral do asfaltado da N-541 e a mellora da iluminación, entre outras cuestións, para mellorar a seguranza viaria” reclama Ernesto Filgueira.
Ofensiva nas Cortes do Estado por parte do BNG
Tanto o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, como a senadora nacionalista, Carme da Silva, comprométense a rexistrar iniciativas e traballar para que o Ministerio de Transportes atenda as necesarias actuacións que a veciñanza de Cerdedo Cotobade vén reclamando durante os últimos tempos.
Frente á pasividade do goberno municipal, Néstor Rego e Carme da Silva sinalan o Bloque Nacionalista Galego como única formación que defende os intereses da veciñanza de Cerdedo-Cotobade e da Galiza no seu conxunto. “O Goberno debe atender as xustas reclamacións da veciñanza, e debe facelo canto antes” aseveran.