Ernesto Filgueira demanda un carril-bici na estrada de Carballedo e a humanización das travesías de Vilanova, A Xesteira e as Lagoas.
O grupo do BNG de Cerdedo-Cotobade presenta unha moción para ser debatida no Pleno de final de mes logo de analizar a seguridade viaria nunha das principais arterias de comunicación que atravesa a parte sur do Concello: a estrada PO-233. O resultado da análise é unha vía que conta con boas prestacións de rodadura en xeral máis sí presenta deficiencias que teñen que ver coa situación de perigosidade peonil existente nalgúns tramos da vía ao seu paso polos lugares de Vilanova (Tenorio), a Xesteira (Almofrei) e as Lagoas (Borela). O BNG considera que nestas travesías deben incorporarse medidas que contribúan ao calmado do tráfico, beirarrúas e paso de peóns regulados por semáforos intelixentes. Medidas que teñen como obxecto humanizar e mellorar a seguridade da veciñanza que vive nas inmediacións da estrada da Xunta, especialmente nas travesías descritas.
Asemade, o BNG que dirixe Ernesto Filgueira insiste na urxenza de construír un carril-bici dende a rotonda de Ponte-Bora até o termo municipal da Lama a fin de garantir a seguridade entre conductores e ciclistas ao longo do total da vía PO-233 e da PO-234, xa que resulta ser un paso recurrente para un gran número de ciclistas que veñen a desfrutar do entorno natural do territorio de Cotobade. Entende o BNG que de se incrementar a seguridade ciclista cun vial propio, non só se gaña en seguridade viaria, senón tamén nun activo co que atraer novos deportistas ao termo municipal, xerar consumo na hostelería local e contribuír ao desenvolvemento do eido turístico municipal. Para os nacionalistas é importante acometer estas melloras baseándose en criterios de seguridade veciñal, humanización das travesías e no aproveitamento das infraestructuras como catalizadoras de riqueza económica.
Ernesto Filgueira, como portavoz dos nacionalistas, reclamará do pleno o apoio a esta moción para instar á Axencia Galega de Infraestructuras da Consellería de Infraestructura e Mobilidade da Xunta de Galiza a actuar nestas vías e a acometer melloras a fin de alcanzar equilibrios de seguranza viaria tanto para a veciñanza como para os conductores e os ciclistas.
Ernesto Filgueira: “De contarmos cun carril-bici nestas vías o efecto chamada a ciclistas profesionáis redundará en máis riqueza para a economía local”.