Ernesto Filgueira lamenta que o PP continúe a discriminar a Cerdedo-Cotobade nos Orzamentos da Xunta 

O Portavoz municipal de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, lamentou profundamente a falta de compromiso do PP cos veciños e veciñas do municipio, ao rexeitar no Parlamento galego todas e cada unha das emendas presentadas polo BNG e que respondían a demandas históricas da veciñanza.

“Nin Centro de saúde de Carballedo, nin residencia de maiores de Carballedo, nin pavillón de deportes en Tenorio, nin mellora da rede de saneamento municipal, nin a tan demandada mellora da seguridade viaria na PO-233/PO-234 (Bora-A Lama)…

Todas estas propostas do BNG, que recollen vellas reclamacións do noso pobo, foron rexeitadas polo ‘rodillo’ do PP” no Parlamento. Tamén foron rexeitadas a articulación dunha liña de transporte que una Cerdedo-Cotobade con Pontevedra, que dea servizo tanto á mocidade que estuda na capital como á veciñanza en xeral, ou a mellora do subministro eléctrico nas escolas infantís, xa que son recurrentes as caídas do sistema eléctrico que chegan mesmo a inhabilitar o comedor.

“Cubela terá que explicar este contínuo desprezo do seu partido a demandas xustas e necesarias para os veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade. Calar non é unha resposta, e se cala é que avala a discriminación coa que o PP trata ao noso concello”, sentenciou Filgueira.

EMENDAS AOS ORZAMENTOS DE 2025 DA XUNTA DE GALIZA