Moción referida á “MELLORA DAS REDES DE ABASTECEMENTO ELÉCTRICO EN CERDEDO-COTOBADE”

A petición O concello de Cerdedo-Cotobade sofre continuos cortes de subministro eléctrico. Isto acontece con excesiva frecuencia, sen que sexa preciso a chegada dun temporal. Unhas veces son parroquias enteiras as que quedan sen luz (Tenorio, Viascón, San Xurxo…) ou nas que o subministro eléctrico falla durante horas (Almofrei, Loureiro, Borela, Carballedo, Valongo, Quireza, Cerdedo..). A pasada semana o colexio de Tenorio estivo sen electricidade e a escola infantil sen luz nin calefacción.

As infraestruturas eléctricas están obsoletas e nin a Xunta nin a empresa distribuidora fan o necesario por modernizalas. O goberno galego presume de investimentos millonarios en infraestruturas no rural, e de transferencias millonarias a través do fondo de fusións ao concello de Cerdedo-Cotobade mais as infraestruturas e servizos como o do subministro eléctrico, telefonía, fibra óptica, sanidade ou cobertura de emerxencias son moi deficitarios.

Estes equipamentos e servizos esenciais para garantir a calidade de vida e a equidade para a poboación que vive no rural presentan numerosas carencias e deficiencias. Faise necesario pois que a Xunta pase da propaganda aos feitos, que desenvolva plans reais de mellora das infraestruturas, dos equipamentos e dos servizos en ámbitos rurais como é o Concello de Cerdedo Cotobade.

E ademais a Xunta ten que esixir ás empresas privadas xestoras das redes de subministro eléctrico que melloren e modernicen as instalacións.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte

MOCIÓN:

1. Reclamar da empresa distribuidora a mellora das instalacións e o abastecemento eléctrico ao CEIP e á escola infantil de Tenorio para evitar problemas como os que tiveron lugar o pasado 28 de xaneiro de 2025.

2. Facer un estudo sobre as necesidades de mellora das infraestruturas de subministro eléctrico en Cerdedo Cotobade, identificar as principais carencias da rede e demandar á compañía eléctrica distribuidora que mellore as infraestruturas de abastecemento para evitar os continuos cortes de luz que se producen no concello de Cerdedo-Cotobade.”