Moción referida á “PAVILLÓN MUNICIPAL XOSÉ LUÍS BOUZAS AMBROA O RUBIO”

A petición de varios veciños e colectivos vencellados ao deporte do tecido municipal, o BNG eleva ao pleno a proposta de bautizar o Pavillón Municipal de Carballedo como “Pavillón Municipal Xosé Luís Bouzas Ambroa o Rubio. Trátase do nome dun veciño cuia memoria segue a ser moi respectada e apreciada entre a veciñanza do concello. Unha persoa reputada con claro vínculo coa enxebranza da terra, co avance e participación veciñal, cos colectivos culturais e, especialmente, cos colectivos deportivos. Unha figura de enorme consenso social. Un nome que xera e fomenta a unión veciñal.

Cabe salientar, que a traxectoria de Xosé Luís Bouzas Ambroa O Rubio foi alicerce para o fomento dos valores deportivos a nível local no que, sen dúbida, destaca o seu papel decisivo na posta en marcha do primeiro clube de fútbol sala feminino alá pola década dos 90, convertíndose en todo un referente da igualdade real entre homes e mulleres tanto a nível municipal como a nível galego, nunha época na que non era tan habitual este tipo de accións a prol duha sociedade máis xusta e máis solidaria.

Os equipos de fútbol sala Deportivo Loureiro F.S. masculino, creado no 94 ou o Deportivo Loureiro F.S. femenino, creado poucos anos despois, foron das súas primeiras constribucións no eido deportivo. Máis non as últimas, xa que a comezos da década do 2000 fai parte da fundación do equipo femenino Forno de Barro o que logo pasará a ser o Tenorio Fútbol Sala Femenino, único equipo de mulleres do concello, e Masculino a partires do 2008.

O nome de Xosé Luís Bouzas Ambroa para o pavillón de Carballedo, a proposta do BNG, busca acadar unha vía de lembranza permanente para unha persoa que traballou sempre pola mellora da sociedade das terras do Canón de Pau, ter presente a súa loita a prol igualdade entre homes e mulleres e acadar unha memoria colectiva como referente veciñal pola súa grande contribución.

Xosé Luís Bouzas Ambroa, é e debe ser lembrado como un referente veciñal que traballou polo desenvolvemento social e deportivo de Cerdedo-Cotobade.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte MOCIÓN:

  1. Que o pavillón municipal de Carballedo pase a ser denominado como Pavillón Municipal Xosé Luís Bouzas Ambroa O Rubio.
  2. Que ademáis dos rótulos pertinentes na propia instalación deportiva, o concello desenvolva unhas xornadas deportivas e divulgadoras do traballo e fonda pegada que deixou O Rubio na historia local.