Moción referida ao "REXEITAMENTO DA SUBIDA DO CANON DE SOGAMA E UN NOVO MODELO DE XESTIÓN DE RESIDUOS
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: O Imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros e a incineración e coincineración de residuos, articúlase como un tributo de carácter indirecto que recae sobre os residuos que se tratan mediante estas operacións de xestión, e xa está vixente en varias Comunidades Autónomas desde hai anos. Configúrase como imposto estatal aplicable en todo o estado español, estando prevista a cesión do mesmo ás Comunidades Autónomas mediante a adopción dos correspondentes acordos nos marcos institucionais de cooperación en materia de financiamento autonómico establecidos no ordenamento xurídico. Así mesmo, a cesión da recadación deste imposto, pode permitir ás Comunidades Autónomas, -no exercicio da súa autonomía financeira-, incrementar o financiamento destinado a medidas de mellora da xestión de residuos que reforcen as opcións prioritarias fronte ás menos sostibles. A través da Lei 36/2022, do 27 de decembro, pola que se modificou a Lei do Réxime de Cesión de Tributos do Estado a Galiza, materializouse a cesión do referido Imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos. Como consecuencia, na Galiza tense previsto ingresar en 2024 a cantidade de 12.150.039 de euros. Conforme ao establecido no punto 1 do artigo 59 da Lei9/2023,do 28 de decembro, de Orzamentos Xerais Galegos para o ano 2024, a porcentaxe de participación do Fondo de Cooperación Local na recadación líquida dos capítulos I, II e III do orzamento de ingresos da administración xeral, quedou establecida no 2,3200880% para o exercicio de 2024, sumando un total de 152.278.957 de euros.
A Comunidade Autónoma de Galiza detraeu desta participación dos concellos galegos, entre outros, 12,1 millóns de euros para a creación do Fondo Ambiental, que supostamente é a achega que realiza a Xunta de Galicia para minorar o canon por incineración e vertedoiro. Mais a realidade é que esta achega é realizada polos propios concellos ao ser detraída do seu sistema de financiamento. Este ano produciuse unha situación excepcional, derivada de que a Consellería de Medio Ambiente non determinou nos orzamentos 2024 o prezo por Tonelada a aboar polas entidades locais, e non publicou a resolución anual pola que se aproba a proposta de revisión do canon unitario que percibirá SOGAMA pola xestión de residuos domésticos ou urbanos no ano 2024. Agora, xa máis de mediado o ano 2024, SOGAMA propón fixar un canon medio de 78 euros por tonelada (68,05 euros de xaneiro a xuño e 88,05 euros de xullo a decembro). SOGAMA, a través dun escrito remitido á Fegamp, e nunha información elevada a todos os concellos, anunciou que a Xunta de Galiza achegará 9 millóns de euros a través do Fondo de Cooperación Local adicional, co fin de minimizar o impacto da medida sobre as entidades locais, polo que o canon final sería de 66€/Tonelada de media anual. A Fegamp, como entidade asociativa máis representativa das entidades locais, formulou alegacións manifestando a súa oposición á suba do canon. Resulta paradoxal que, sendo o Goberno do PP no seu día o que preveu, coa creación de SOGAMA, unha xerarquización nas opcións de tratamento dos residuos, que preferiu optar pola incineración con recuperación de enerxía e non incluíndo o tratamento da compostaxe (que se considerou coma unha forma de valoración alternativa a pesar da oposición de moitas entidades locais), sexa agora o que se beneficie dos ingresos do imposto que penaliza esta opción. O modelo de Sogama é obsoleto, centralizado e antiecolóxico, como demostra o feito de que Galiza se sitúe á cola en reciclaxe, lonxe aínda dos criterios que marca Europa, pois a porcentaxe de reciclaxe en Sogama no 2020 foi do 21%, cando a UE marcaba case o 50%. Somos a segunda peor comunidade do Estado en cifras de reciclaxe, xa que o propio plan da Xunta prorrogado até 2022, establecía a necesidade de tratar mediante compostaxe 245.000 toneladas cando a cifra oficial de 2022 apunta a que só se chegou ás 3.000. Para evitar esas perniciosas consecuencias para o Concello, O Grupo Municipal do BNG propón ao resto da corporación a adopción do seguinte
ACORDO: 1. Instar á Xunta de Galiza a:
- O reparto entre todos os concellos galegos dos 12.100.000 de euros do Fondo Adicional. Utilizando como criterio de reparto o do número de toneladas depositadas por cada concello. Pois trátase de diñeiro que pertence ás entidades locais ao seren detraída do FCL.
- b) A achega total da cantidade recadada en concepto de imposto sobre o depósito de residuos en vertedoiros, a incineración e a coincineración de residuos, pola que se orzamentaron inicialmente 12.150.039 de euros, para implementar bonificacións no Canon dos concellos, e así, deste xeito, cumprir os obxectivos marcados coa creación deste tributo.
- c) A creación dunha comisión de traballo entre SOGAMA, as consellerías de Medio Ambiente e Facenda e a FEGAMP, para determinar as condicións do Canon para o ano 2025 -antes da aprobación do Proxecto de Orzamentos da Comunidade Autónoma para ese ano – e debater sobre o cambio de modelo de xestión de residuos en Galiza, incluíndo o debate sobre a fórmula que permita a cada concello, con independencia da súa dimensión, acceder á redución do canon aínda que non incorpore o quinto con lector, e valorando para a aplicación desa redución o compromiso de cada concello na aplicación da compostaxe individual ou comunitaria, ou financiando modelos de xestión alternativos nos que se debe primar o tratamento de proximidade dos biorresiduos, con sistemas de compostaxe domiciliaria e comunitaria.