Moción referida a “PECHE DA OFICINA DE ABANCA EN CARBALLEDO”
O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida a:“PECHE DA OFICINA DE ABANCA EN CARBALLEDO”.
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
Dende o presente verán a sucursal de Abanca en Carballedo, a única oficina bancaria que existía no territorio de Cotobade, foi pechada por unha decisión unilateral da dirección da entidade finaneira que dirixe o sr Juan Carlos Escotet. Non é un peche illado, pois, moitas outras oficinas da bisbarra e do conxunto do País están pechadas ou están a piques de o facer segundo o anunciado pola propia entidade financeira.
Deste peche extráense varias leituras nada favorecedoras para o tecido económico formado polas pequenas empresas e autónomos locais e abre unha fonda brecha social atendendo a diversas razóns económicas, xeográficas e de acceso ás novas tecnoloxías.
Cabe subliñar que este peche supón unha gran perda para o futuro da capital municipal, pois, obriga á veciñanza a se trasladar a outras localidades para levar a cabo as súas xestións bancarias o que supón unha merma nas compras e no consumo tradicional nos negocios sitos en Carballedo.
O BNG entende que este peche é a estocada final que asesta Abanca, con alevosía, á veciñanza das parroquias do territorio de Cotobade e especialmente á capital municipal ao non respectar o aforro e as xestións bancarias das familias cotobadesas, nin o peso financeiro do concello, nin tan sequera a liña social que históricamente viña mantendo a entidade nun territorio rural como o de Cotobade.
O BNG considera que son moitos os prexuízos de índole económica e social que se derivan do peche da sucursal de Abanca en Carballedo decidido polo sr Escotet en clara connivencia co Presidente da Xunta de Galiza ao compartiren a estratexia común de afondar, de xeito progresivo, na merma dos servizos públicos necesarios para manter unha vida de calidade e digna no rural. Tal é o caso do Concello de Cerdedo-Cotobade.
Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:
- Declarar “persoa non grata” ao sr Escotet, Presidente de Abanca.
- Retirar de xeito inmediato as contas municipais de Abanca.
- Rexeitar instalar caixeiros automáticos financiados coa liña de axudas públicas aberta pola Xunta de Galiza para este fin nin apoiar esta medida con fondos municipais (nin económicos nin materiais).
- Trasladar este acordo á dirección de Abanca para que reconsidere o peche da oficina de Carballedo e reactive a actividade da mesma de xeito urxente.