O BNG alega contra o macroproxecto eólico de Chamarrapio, Alamoceiros e Xubrintas polo seu forte impacto ambiental, social, paisaxístico e de saúde pública
O portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, presentou na subdelegación do goberno en Pontevedra alegacións para que se denegue a autorización administrativa do macroproxecto de enerxía eólica industrial con código de expediente PEol-922 AC: Parque Eólico Chamarrapio, de 53,79 MW, Parque Eólico Alamoceiros, de 68,49 MW, e Parque Eólico Xubrintas, de 61,95 MW, e a súa infraestrutura de evacuación, debido ao seu impacto ambiental, social, paisaxístico e de saúde pública.
As alegacións presentadas teñen como principais fundamentos:
- Na práctica, este proxecto supón unha fragmentación de facto, xa que, pola súa cercanía tiñan que ser avaliados conxuntamente cos de Agratina, Agomances, Ventoburgo, Sistesas e Xestiloi, que se atopan adxacentes e comparten accesos. Estes impactos non foron avaliados adecuadamente nin individual nin colectivamente, en contra do disposto na Lei 21/2013 de Avaliación Ambiental. Na zona afectada polos proxectos de parques eólicos propostos no expediente referenciado, existe un desenvolvemento masivo de enerxía eólica sen unha planificación territorial racional, que este expediente só agrava.
- O proxecto está previsto para a mesma area que o de Borreiro, que recibíu unha Declaración de Impacto Ambiental Negativa. Nesta declaración dise textualmente: “Logo de finalizar a análise técnica do expediente de avaliación de impacto ambiental, e á vista do que se desprende do informe da Dirección Xeral de Patrimonio Natural en canto aos efectos acumulativos e sinérxicos sobre as poboacións de aves e quirópteros presentes na área na que se pretende instalar o parque eólico Borreiro, considérase que a actuación proxectada non é ambientalmente viable, polo que se propón formular unha declaración de impacto ambiental desfavorable do proxecto”. Asímesmo, este proxecto está a escasa distancia dos de Cabanelas e Pedra Longa que tamén recibiron declaracións ambientais negativas por afectación severa en avifauna e quirópteros.
- Este proxecto causará fortes impactos en hábitats de interese comunitario, moitos deles calificados como prioritarios.
- Este proxecto terá un impacto directo sobre especies botánicas protexidas algunha delas en perigo de estinción, como a Lycopodiella inundata, e outras consideradas vulnerábeis, ca que as infraestruturas de aeroxeneradores están literalmente enriba destas especies e os seus hábitats.
- Este proxecto tería un forte impacto sobre as vías fluviais públicas e os humidais, xa que na zona existen numerosos humedais incluídos no Inventario de Humedais de Galiza.
- Impactos severos no patrimonio cultural. Os proxectos están planificados nunha zona cunha alta concentración de bens arqueolóxicos e patrimoniais. Parte da infraestrutura para estes proxectos construirase sobre zonas de conservación arqueolóxica e toda a área afectada está situada nunha zona que alberga unha das maiores concentracións de arte rupestre ao aire libre de Europa. Cómpre sinalar que, por lei, todos os petróglifos (arte rupestre ao aire libre) considéranse Bens de Interese Cultural. Ademais, os montes onde se queren levar a cabo estes proxectos de parques eólicos son precisamente a zona onde se celebra a Rapa das Bestas de Sabucedo e onde viven os cabalos libremente. Esta tradición é un patrimonio cultural inmaterial de valor excepcional e foi declarada Ben de Interese Cultural. Tamén se verán afectados varios muros de “pedra seca”, unha técnica de construción tradicional, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO.
- Este proxecto está situado a pouca distancia das areas protexidas da Serra do Cando, do Candán, do río Lérez e das Brañas de Xestoso, todas elas incluídas na Rede Natura 2000. A súa localización, limítrofe con estas áreas, impediría a conectividade entre elas e interferiría coas funcións ecolóxicas esenciais e a conectividade entre os sistemas naturais, incumprindo, polo tanto co criterio de precaución esixido pola Directiva Hábitat e a Lei do Patrimonio Natural e da Biodiversidade.
- Os proxectos propostos e as súas liñas de evacuación son moi prexudiciais para o benestar, a saúde e a calidade de vida das persoas residentes nas zonas directamente afectadas. A excesiva proximidade dos aeroxeradores e das plataformas eólicas terrestres ás vivendas e ás zonas de traballo causará problemas de saúde física e psicolóxica debido ao ruído, ás sombras e aos campos electromagnéticos.
- “Consideramos que estes son argumentos máis que sobrados, para que se denegue autorización a este novo proxecto que amenaza novamente ao noso concello e aos concellos de Campo Lameiro, A Estrada, A Lama, Fornelos de Monte e Covelo. Non queremos ser terra de sacrificio para que a codicia duns leven por diante o futuro da xente que vive e traballa no rural. Queremos un rural vivo e un rural vido é incompatible cuns proxectos que o estragan”, concluíu o portavoz nacionalista, Ernesto Filgueira