O BNG de Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro demanda a mellora integral da PO-230 que une Praderrei, Fentáns, San Isidro e o Serrapio
Cerdedo-Cotobade, 23 de marzo, 2023.- A candidata do BNG de Campo Lameiro, Belén Búa, e o portavoz municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade, Ernesto Filgueira, veñen de reunirse coa veciñanza afectada pola lamentábel situación na que se atopa a estrada PO-230, vial que une os lugares da marxe dereita do río Lérez entre a capital municipal de Campo Lameiro e Serrapio, en Cerdedo-Cotobade.
Segunda explican Filgueira e Búa, o vial PO-230 conta cun trazado moi irregular, curvas pechadas e cun ancho de vía moi reducido. A capa de rodadura atópase moi deteriorada, situación que se agrava nas curvas, e noutros tramos onde o asfalto está estragado, aumentando así a súa perigosidade. Di Ernesto Filgueira que “é urxente humanizar os lugares dotando ao vial de beirarrúas, dunha mellor iluminación LED e de mobiliario público que garanta a seguridade viaria da veciñanza que vive a carón da estrada, dos ciclistas e demais usuarios”.
Tanto Filgueira coma Búa coinciden na necesidade de instar á Consellaría de Infraestruturas e Mobilidade da Xunta de Galiza a levar a cabo unha reforma integral da PO-230 prestando especial atención á seguranza viaria e a humanización das travesías dos lugares polos que pasa o seu trazado dende Campo Lameiro até Serrapio a fin de garantir a seguridade no tránsito e a calidade de vida da veciñanza de Fentáns e das persoas usuarias do vial. Polo tanto, Ernesto Filguiera anuncia “que leva unha moción ao pleno municipal da vindeira semana para acadar o apoio de toda a corporación co obxectivo de que o PP se comprometa a conquerir melloras para a veciñanza no lugar de Fentáns” e Belén Búa, pola súa banda, anuncia “a presentación dunha proposta solicitándolle ao goberno municipal de Campo Lameiro que lle reclame da Xunta a mellora integral da estrada PO-230, iniciada no lugar de Praderrei, a Fentáns, Parada e San Isidro” . Ademais destas dúas iniciativas municipais, o BNG levará o tema ao Parlamento galego.
Coinciden tanto Ernesto Filgueira como Belén Búa na seguinte diagnose: “o PP debe abandonar esa teima de executar proxectos a medias que divide á veciñanza en dous.. Para o BNG, todos os lugares da marxe dereita do Lérez, teñen dereito a contar cun vial máis seguro e humanizado”.