O BNG denuncia que continúan os problemas no subministro eléctrico en Cerdedo-Cotobade, ante a pasividade do goberno municipal

“Chove sobre mollado”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira diante dos contínuos cortes de subministro eléctrico que padece Cerdedo-Cotobade. “Días nos que hai parroquias enteiras sen luz (Tenorio, Viascón, San Xurxo) ou nas que o subministro eléctrico falla durante horas (Almofrei, Loureiro, Borela, Carballedo, Valongo, Quireza, Cerdedo..). Onte mesmo, sen ir máis lonxe, o colexio de Tenorio estivo sen electricidade e a escola infantil sen luz, nin calefacción. É hora de dicir Basta!”, afirmou o portavoz nacionalista.

Non é un problema novo. Repítese reiteradamente, a pouco que chova ou vente, e sen que sexa preciso a chegada dun temporal. No PP sábeno ben, e pouco lles importa, porque reiteradamente votan no concello en contra das propostas do BNG de esixirlle á empresa subministradora que mellore un tendido que fai auga por todas partes.

Calquera que coñeza a situación dos tendidos eléctricos no noso concello saben que están obsoletos, e que temos postes de madeira que fenden con facilidade, tirando os tendidos e creando moitos prexuizos á veciñanza, ao tecido económico e á comunidade educativa. Somos unha potencia eléctrica. Exportamos boa parte da electricidade que producimos para xerar riqueza noutros territorios, mentres aquí temos unhas infraestruturas eléctricas incapaces de darlle aos nosos veciños e veciñas un mínimo servizo de calidade.

Telefonía fixa e Fibra óptica

Aos contínuos problemas co subministro eléctrico hai que engadir os fallos constantes na telefonía fixa e na fibra, unha fibra que, por certo “vostede prometeu que en 2023 chegaría ao 100% de Cerdedo-Cotobade. Estamos en 2025, e as súas promesas, máis unha vez, fóronse co vento”, afirmou Ernesto Filgueira.

“É hora de que o alcalde de Cerdedo-Cotobade deixe de poñerse de perfil e plante cara dunha vez por todas”, afirmou Filgueira. “Éncheselles a boca falando da importancia de revitalizar o rural, pero á hora de actuar para crear as condicións para que se poida vivir dignamente, nada de nada”.

“Os problemas contínuos co subministro eléctrico, ou coa fibra óptica, súmanse ao deterioro de servizos tan básicos como a sanidade pública, a perda da oficina bancaria de Carballedo ou a mala cobertura no mapa de emerxencias. E temos que buscarlle solucións, con seriedade e con firmeza. Estar de brazos cruzados só fai que a situación se vaia deteriorando máis e máis” .

“Se non conseguimos manter e acrecentar servizos, será moi difícil frear a sangría demográfica que levamos anos padecendo. Desde a fusión, en 2016, en Cerdedo-Cotobade perdemos máis de 300 veciños e veciñas, unha cifra abultada que fala por si soa”.

“Agora que estamos no Ano Castelao, señor Cubela, permítame que recorra ao ilustre nacionalista galego. Visto o visto parece que “mexan por nós e ten que dicir que chove”. Non son tempos de estar calados. Espabile e actúe. E o que lle demandamos desde o BNG e o que lle demandan, a bo seguro, a maior parte dos nosos veciños e veciñas”, concluíu o portavoz nacionalista Páxina