Anxo Santomé e Joam Romero reelixidos por unanimidade Responsábeis Locais do BNG: “Somos a alternativa política á improvisación e gasto descontrolado de Cubela"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG de Cerdedo-Cotobade vén de celebrar unha asemblea na que foron reelixidos por aclamación Anxo Santomé como responsábel local e o economista Joám Romero como Vice-responsábel, no marco do proceso de renovación dos cargos de dirección. Asemade tanto Santomé como Romero únense ao presente Consello Comarcal, recentemente renovado e encabezado por Ana Peralba.

Na Asemblea, Santomé fixo un balance positivo do traballo levado a cabo polo BNG nos últimos anos que “nos permitiu chegar a todos os currunchos do concello, incrementar substancialmente a militancia, mellorar os resultados electorais ata convertilo na segunda forza máis votada nas pasadas eleccións galegas e configurar ao BNG como a única alternativa ao PP en Cerdedo Cotobade”.

“Somos un proxecto que demostrou, cos seus actos, solvencia, coherencia e proximidade cos veciños e veciñas e as súas necesidades” -afirmou o responsábel nacionalista-.

Ao longo destes anos pisamos todos e cada un dos lugares do concello, reunímonos coa veciñanza para coñecer as súas inquedanzas e trasladarlles a nosas propostas, e levamos a todas as institucións competentes as demandas veciñais na procura de solucións, sexan de saneamento, a falta de fibra óptica en todo o territorio municipal, de seguranza viaria, a loita pola calidade asistencial nos nosos centros de saúde ou de defensa do tecido produtivo local. Unha “oposición construtiva cun único obxectivo: o benestar dos veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade”.

“Este traballo constante a pé de rúa permítenos coñecer polo miúdo a situación do municipio e fai que esteamos centrados nos problemas diarios que afectan á nosa veciñanza e presentar todas aquelas propostas necesarias para acadar outro Cerdedo Cotobade. Temos outro xeito de facer política, afastados do caciquismo e das presións sendo conscientes que o noso concello precisa un cambio de rumbo, que deixe atrás as inercias que nos impiden avanzar, e o BNG está en condicións de abrir un tempo novo con Ernesto Filgueira ao fronte”.

 

Queremos vivir nun rural vivo

“Moitos e difíciles son os retos que temos por diante -afirmou o vice-responsábel local Joám Romero-, a comezar pola loita contra o espolio eólico que se pretende facer no municipio, coa connivencia da Xunta do PP, pero os afrontamos con ilusión e optimismo”. Desde o primeiro minuto o BNG estivo do lado da veciñanza, informándoa dos proxectos que lles afectaban -ante o silencio da administración galega e municipal- e acompañándoa na rúa nas súas xustas reivindicacións”.

E “nesa liña seguiremos, porque non podemos deixar que estraguen o noso territorio impunemente. Queremos vivir no rural, pero non nun rural estragado, senón nun rural vivo, dinámico e con futuro, e para iso é preciso que contemos con máis e mellores servizos, por exemplo sen caídas constantes do servizo de internete e expandilo a todos os lugares do concello logo da promesa incumplida dende fai dous anos por parte do sr Cubela”, declarou Romero.

Anxo Santomé e Joam Romero mostráronse convencidos de que é urxente un cambio de modelo político no Concello, totalmente oposto ao do PP polo que o BNG é a ferramenta coa que conformar unha alternativa solvente para Cerdedo-Cotobade.

“Temos a honra de encabezar un equipo humano excepcional, formado por mulleres e homes cunha grande capacidade de traballo, con ideas claras para desenvolver o concello e cunha ilusión por transformar as cousas en positivo da que me sinto especialmente orgulloso”.