O BNG valora positivamente que o Alcalde volte á senda da unidade política na loita contra o P.E. dos Cotos

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

No transcurso do Pleno do 1 de decembro de 2022, Ernesto Filgueira defendeu a necesidade, habida conta das reclamacións de veciñas de diferentes parroquias, de extender de xeito urxente a fibra óptica ao conxunto do temo municipal, de mellorar cualitativamente a frecuencia da recollida do lixo incrementando o proceso selectivo dos refugallos e de dotar dun acceso digno á vivenda unifamiliar do número 18 do lugar da Revolta da parroquia de Cerdedo.

En canto ás mocións defendidas na sesión plenaria de hoxe, cabe destacar a intención do BNG de “instar á Xunta a dotar de máis recursos económicos aos concellos a fin de incrementar as ferramentas necesarias para acabar coa lacra da violencia machista, moción aprobada pola unanimidade da corporación”. 

Noutra xeira de iniciativas, o propio Filgueira mostrouse “sorprendido coas contradiccións do alcalde, pois, rexeita a moción do BNG na que se instaba ao goberno a levar a rede de saneamento e o acondicionamento dos camiños no lugar da Longa, San Xurxo, cando dous días despois da reunión do BNG coa veciñanza afectada, él mesmo anunciou o seu compromiso de acometer ditas melloras no lugar”, segundo o portavoz nacionalista: “públicamente di unha cousa e en sede plenaria vota a contraria”. 

Nembargantes, no transcurso do pleno tivo lugar un momento de fricción a propósito do rexeitamento por parte do PP á moción do BNG en materia de emerxencias, pois, en palabras de Filgueira: “de novo o alcalde excúsase na redacción do documento para non votar o punto no que se insta á Xunta, como responsábel maior dos servizos de emerxencias en Galiza, a tomar medidas contundentes para sacar a Cerdedo-Cotobade da zona de sombra ao estar moitas parroquias moi por encima dos 20’ do tempo que Europa entende como unha resposta adecuada”.

Con todo, o momento de maior debate do conxunto da corporación foi con motivo da recente declaración da DIA a respecto do parque eólico dos Cotos, pois, a moción de urxencia do BNG foi votada en contra polo alcalde e os concelleir@s do PP logo de apresentar o goberno outra iniciativa “semellante á do BNG” máis, segundo declara o portavoz municipal, Ernesto Filgueira:

“o verdadeiramente importante é a rectificación do alcalde ao voltar á senda da unidade de acción política e institucional para que, corporación municipal e entidades sociais, loitemos contra o despropósito da Xunta de seguir a tramitar o proxecto eólico de Tiraventos SL e de adquirir o compromiso, aínda que a marchas forzadas pola presión do BNG, de levar os Cotos até os tribunais. Nesa senda vainos atopar sempre coa firme convicción de loitar polo dereito da nosa veciñanza a vivir con dignidade e calidade de vida no rural”.