Moción de urxencia referida á “XUDICIALIZACIÓN DO PARQUE EÓLICO DOS COTOS”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A instalación do Parque Eólico Dos Cotos supón unha ameaza directa desde o ponto de vista ambiental, patrimonial, de convivencia veciñal, de posibilidades para o futuro da vida rural nas parroquias, de depreciación das propiedades, etc e compromete o futuro económico de Borela, Rebordelo, Carballedo, Loureiro, Viascón con afeccións indirectas nas parroquias limítrofes de Aguasantas, Loureiro e Valongo habida conta da proximidade dos aeroxeradores, poligonal, liñas de alta tensión… Esta situación sobrevida está a provocar unha alarma social manifestada pola veciñanza de xeito individual ou colectiva a través das plataformas que se levan movilizando contra o P.E. Dos Cotos dende hai ano e medio tendo en conta as innumerábeis consecuencias que a todos os níveis supón a súa instalación.

Así, o Sr. Alcalde manifestou públicamente a sua oposición á instalación de dito parque eólico na asemblea veciñal celebrada no pabillón do colexio de Carballedo o 27 de xuño do ano 2021.

Asemade, unha concorrida concentración formada por veciñas e veciños, plataformas, asociacións veciñais, comunidades de montes e partidos políticos déronse cita o pasado 9 de xaneiro de 2022 como sinal de repulsa diante do proxecto especulador promovido por Tiraventos SL ao amparo da Xunta de Galiza gobernada polo PP. (Por certo, empresa pertencente ao grupo ECOENER investigada pola fiscalía e acusada de graves delitos en Latinoamérica na que persoeiros coma Luís de Valdivia, pertencentes a este conglomerado, resulta ser vocal do Consello Galego de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostíbel, órgano de consulta e asesoramento da consellería de Medio Ambiente; ademáis de contaren coa participación dos ex-ministros do PP como Eduardo Serra e Ana Palacio. Un claro exemplo de portas xiratorias mantidas pola Xunta que goberna o PP).

Cómpre engadir que o 29 de xaneiro de 2022, noutra multitudinaria concentración apoiada pola veciñanza local e entidades da bisbarra coa finalidade de rexeitar o PE dos Cotos e pese o notábel rexeitamento palpábel na sociedade o alcalde de Cerdedo-Cotobade optou por non asistir, practicando unha lamentábel actitude de desidia fronte á veciñanza e á defensa dos seus intereses.

Tamén resulta chamativo que ao longo dos útlimos meses o goberno local non emitise ningún informe técnico a respecto das moitas consecuencias que o impacto do proxecto eólico vai supor para o entorno natural, mananciais, patrimonio e para a veciñanza e o seu dereito a vivir dignamente e con calidade de vida no rural.

Pese a toda a resposta social das comunidades de montes, asociacións de veciños, a propia veciñanza a título individual, plataformas… a Xunta de Galiza segue a tramitar o P.E dos Cotos, levando a cabo o enésimo ataque á veciñanza de Cerdedo-Cotobade ao publicar no DOG do pasado 25 de novembro o anuncio da avaliación positiva da declaración do impacto medioambiental de dito proxecto do día 11 de novembro de 2022 emitido pola Consellería de Medio Ambiente Territorio e Vivenda, anuncio que probábelmente foi silenciado polo sr Alcalde, Jorge Cubela.

O BNG aposta por unha enerxía xusta, sustentábel e en clave galega que deixe beneficios no territorio máis non pode tolerar a especulación que, tanto a Xunta como o Estado, pretende condenarlle o futuro ás parroquias e ás súas xentes de Cerdedo-Cotobade.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

  1. Que se comprometa formalmente a custear con cárrego aos orzamentos do Concello, todos os gastos de honorarios de asistencia xurídica e procuradores/as necesarios para apresentar canta demanda sexa necesaria para impedir a instalación do PE Dos Cotos
  2. Un posicionamento institucional da corporación condenando a intencionalidade da Xunta de Galiza de seguir coa tramitación do P.E. Dos Cotos pese a inconsistencia do informe de declaración ambiental avaliado positivamente e pese o forte rexeitamento por parte da veciñanza de Cerdedo-Cotobade.
  3. Instar ao sr Alcalde a por en marcha unha concentración diante da Delegación da Xunta de Pontevedra pactada coa oposición, comunidades de montes, asociacións veciñais e plataformas.