Ernesto Filgueira: “Temos que poñer freo ao deterioro progresivo e sistemático ao que o PP está a levar á nosa sanidade pública”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

“Chove sobre mollado na sanidade pública do noso concello”, afirmou o portavoz municipal do BNG, Ernesto Filgueira, ao comprobar que o centro de saúde de Carballedo volve quedar unha semana enteira sen médico que o atenda.

“A situación estase a volver insostíbel. A política da Xunta do PP está a estragar a pasos axigantados a sanidade, un dos mellores e máis necesarios servizos cos que contamos. E desde o BNG decímollo alto e claro aos responsábeis da consellaría de Sanidade, COA NOSA SAÚDE NON SE XOGA”, afirmou Filgueira.

“Recollemos centos de sinaturas en apoio á ILP en defensa da atención primaria, participamos en mobilizacións xunto coa veciñanza, para esixir o que nos corresponde como galegos e galegas: unha atención sanitaria digna, e xa está ben que nos tomen polo pito do sereno. Non pedimos máis que o que nos corresponde e ao que temos dereito: unha atención sanitaria en condicións, e sen persoal médico non hai atención sanitaria posíbel”, dixo o portavoz nacionalista, que acusou ao PP de desmantelar ou deteriorar un a un os servizos do municipio. “Primeiro deixáronos sen banco e agora fan que cada vez sexa máis difícil ir ao médico para que nos cuide”.

Se queremos un rural vivo e con futuro é imprescindíbel que o PP non sega poñendo paus nas rodas. Queremos e demandamos unha sanidade pública en condicións. Desde o BNG seguiremos loitando na rúa e nas institucións, pé a pé coa veciñanza, para lograr que o noso concello conte coa atención sanitaria que necesita e merece.