As reformas de Viascón, a sanidade pública e os petróglifos volven ser esquecidos polo alcalde de Cerdedo-Cotobade 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

No pleno municipal celebrado no día de hoxe abordáronse catro mocións do BNG, que facían referencia aos parques eólicos de Pedra Longa e Cabanelas, á deficiente sanidade pública no municipio, a acometer melloras na parroquia de Viascón e á posta en valor dos petróglifos de Cerdedo-Cotobade. 

Das catro mocións tres foron rexeitadas cos votos do PP: 

  • 1)  A defensa da sanidade pública. Para o portavoz municipal do BNG, despois do que pasamos este verán, coa atención primaria ao borde do colapso, Cubela e o seu grupo preferisen acatar submisamente a neglixente política do SERGAS antes que defender o dereitos á sáude da veciñanza
  • 2)  A da creación dun proxecto integral de conservación, promoción e valorización da rica arte rupestre que se asenta no noso territorio. Filgueira afirmou que “desbrozar, está ben, aínda que chegue tarde, pero o que compre é un proxecto integral que poña en valor as conxuntos rupestres e os convertan nun produto turístico de primeira magnitude”
  • 3)  A atención ás grandes necesidades da parroquia de Viascón, esquecida polo goberno municipal. Na iniciativa incluíase a Humanización da estrada EP-0404 (Viascón-Carballedo) e dos treitos da antiga nacional (Comercial Gardiz e o Valiño), a mellora integral das vías interiores, a construción de 2 núcleos de centralidade veciñal, a reforma integral da contorna das piscinas de Cabanelas, xestionar a chegada da fibra óptica, a substitución das luminarias antigas por luces leds, o saneamento da parroquias, a mellora da recollida selectiva e a aposta pola compostaxe. O portavoz nacionalista lamentou o voto contrario do PP ás demandas e necesidades da veciñanza de Viascón.

No Pleno foi aprobada -coa abstención do PP- o rexeitamento aos parques eólicos de Pedra Longa e Cabanelas, unha iniciativa que insta ao goberno municipal a presentar estudos técnicos contra estas instalacións. “É lamentábel -argumentou Filgueira- que o PP que conforma o goberno municipal non teña posición sobre un tema que impacta de cheo no noso medio natural, cultural e social. Iso si, agardamos que respete a decisión maioritaria da corporación e realice os estudos pertinentes”. 

Mentres o PP oponse a melloras para todos os veciños e veciñas, aproba cos seus únicos votos unha iniciativa a favor da pasteira de ENCE, instalada sobre terreo público-marítico terrestre, cunha prórroga ilegal concedida en tempo de desconto por Mariano Rajoy e que ten numerosos impactos negativos sobre o medio ambiente e o territorio.