Ernesto Filgueira negocia co alcalde as contas municipáis 2021

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

ERNESTO FILGUEIRA NEGOCIA CO ALCALDE AS CONTAS MUNICIPAIS 2021 NA PROCURA DUN “PACTO POLO BENESTAR DA VECIÑANZA”

O BNG de Cerdedo-Cotobade presenta as seguintes propostas á equipa do Goberno Local a propósito da negociación dos Orzamentos Municipais 2021 no marco dun desexable acordo a prol dun “Pacto polo Benestar da veciñanza de Cerdedo-Cotobade”.

Así pois, para ao grupo do BNG é máxima a “preocupación e inquezanda polas consecuencias económicas que están a lastrar o benestar das familias, da brecha dixital na que se atopan algunhas crianzas, da falla de traballo para os autónomos, os pequenos comerciantes e produtores de Cerdedo e Cotobade ou da necesidade de ampliar a cobertura dende os servizos sociais para protexer aos nosos maiores ou ás persoas máis vulnerables polo que,para os nacionalistas, o obxectivo das contas públicas deste ano pasa por centrarse na dinamización comercial local, no benestar das persoas, no despegue da cultura e a loita polos servizos públicos.

Ernesto Filgueira: “A postura do grupo que lidero é a de achegar as mellores propostas, negocialas e acordalas; sobre todo nas duras circunstancias sanitarias e económicas actuais, conscientes de que a veciñanza quere responsabilidade e altura de miras e así o estamos a demostrar comprometéndonos cunha oposición seria, propositiva e responsable”.

Seguindo esta filosofía, a batería de propostas para a negociación son as seguintes:

  • Posta en funcionamento dunha liña urxente de axudas directas para os autónomos, pequenos empresarios e produtores locais cunha partida por riba dos 375.000€ en estreita colaboración coa Deputación e a Xunta de Galiza.
  • Alcanzar a excelencia no gasto social por riba dos 100€ por habitante cunha partida de 585.000€. Aumentar as horas prestadas aos usuarios do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) en función das súas necesidades e incrementar o número de beneficiarios dadas as consecuencias económicas por mor da pandemia actual. Aumentar a partida de Emerxencia Social. Prestar acompañamento e apoio psicolóxico para mellorar a saúde mental da poboación en xeral centrándose especialmente na infanto-xuvenil, nos maiores e na poboación en risco de exclusión social. Imprescindible reforzar o Departamento de Servizos Sociais con persoal de apoio.
  • Aumento nun 40% das aportacións económicas ás asociacións folclóricas, musicais, culturais, AMPAS e Festas Gastronómicas ata alcanzar os 41.580€. 
    Ademáis, o BNG ve necesaria a existencia dunha partida dedicada a cubrir tódolos eventos da efeméride do Ano Gaiteiro Ricardo Portela. Revisar á alza o apoio económico das Escolas Deportivas Municipais.
  • Creación dunha BOLSA DE DINAMIZACIÓN CULTURAL PARA ACTIVAR AS CASAS PÚBLICAS PARROQUIAIS facendo partícipes de xeito remunerado ás entidades culturais, folclóricas e musicais do concello.
  • 15.000€ para reducir a Brecha Dixital: crear unha Bolsa de Axudas para achegar material dixial e/ou dotar de servizo de internete ás crianzas que o precisen. Crear un programa de “Cursos de Formación Dixital” nas parroquias para dotar á veciñanza da aprendizaxe necesaria para desenvolverse nas xestións de trámites máis habituais (citas médicas, xestións bancarias, xestións coas administracións …).
  • Posta en marcha dun Programa de Transporte-Taxi á Demanda para cubrir as necesidades básicas de mobilidade inter-parroquial (alimentación e/ou sanitarias) para persoas da terceira idade e/ou persoas con diversidade funcional.
  • Conquerir as partidas económicas oportunas para a reforma da Estradas de Almofrei, a ampliación do tramo Bugarín-Fondós e seguranza viaria no tramo Borela-A Graña e Rebordelo-Pozo Negro.

Ernesto Filgueira: “A liña principal das propostas ascende a 1.016.600€, medidas imprescindibles para pactar unhas contas de reactivación económica e social; e ficamos á espera do encaixe e dotación económica que lle dea o Alcalde as demáis iniciativas para poder pechar un Pacto polo Benestar da Veciñanza”.