Cerdedo-Cotobade mobilízase en defensa da sanidade pública na histórica manifestación de Santiago do 12 de frebreiro de 2023

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Centos de veciños e veciñas de Cerdedo-Cotobade acudiron este domingo á histórica manifestación de Santiago de Compostela para defender a sanidade pública galega. Precisamente, o BNG de Cerdedo-Cotobade facilitara de maneira gratuíta un autobús para que a veciñanza puidese acudir á mobilización. Xa en Santiago, tanto os membros do grupo nacionalista local como a veciñanza desprazados desde Cerdedo-Cotobade berraron ben forte e alto que están fartos da situación de precariedade sanitaria que levan anos a vivir, e que nos últimos meses se agravou de maneira considerable. Citas médicas dilatadas no tempo, falta de atención do persoal médico, especialmente no Centro de Saúde de Cerdedo; cobertura pediátrica deficitaria no Centro de Saúde de Tenorio e sen pediatras no de Carballedo e Cerdedo. Ademáis, o persoal sanitario de enfermeiría precisa un reforzo nos tres centros de saúde así como tamén o servizo de matrona. A veciñanza desenvolveu un exercicio de dignidade colectiva para reivindicar que se respecten os seus dereitos e que o PP na Xunta deixe de levar a cabo unha política de recortes sistemáticos na sanidade pública. 

Ao remate da histórica mobilización, o portavoz municipal do BNG de Cerdedo-Cotobade e candidato á Alcaldía, Ernesto Filgueira, non dubidou en agradecer á veciñanza terse desprazado até Compostela. Tamén aos moitos veciños e veciñas que, por diversos motivos, non puideron acudir, pero que veñen mostrando o seu apoio ás reivindicacións dunha sanidade pública digna e de calidade.

"Son moitas as mensaxes que nos chegaron estes días, e quero agradecer persoalmente a todos, os que estiveron e os que non, porque todos forman parte desta causa que é a defensa da sanidade de Cerdedo-Cotobade”, Ernesto Filgueira.

Sobre a manifestación, Filgueira asegurou que este domingo "vivimos unha xornada histórica que supón un punto de inflexión. Este é o principio da fin desta desfeita de recortes que padecemos na Galiza e en Cerdedo-Cotobade". Para o portavoz do BNG de Cerdedo-Cotobade, "é un orgullo vivir este día a carón da veciñanza e dos compañeiros e compañeiras do BNG e non ímos parar de traballar a prol dunha sanidade pública, digna e de calidade".