Ernesto Filgueira insta ao Alcalde a actuar con celeridade para evitar o derrube da ponte de Portamuíños, Cerdedo

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Recollendo a reclamación e preocupación pública feita polo colectivo Capitán Gosende e uníndonos á mesma expoñémoslle ao Alcalde Jorge cubela a necesidade de actuar á maior celeridade posíbel na ponte dos Portamuíños, sita no Camiño das Raposeiras (comunica os lugares de Melide e Cavenca), dados os graves problemas estructuráis que presenta en tanto en canto nun dos dous piares de apoio do taboleiro conta con importantes desperfectos o que pon en perigo a propia estructura e a integridade dos transeúntes. Os desperfectos que presenta dito piar van asociados ás correntes do río levando por diante un dos catro perpiaños que formaban o tallamar arredondado así como a cachotería de apoio entre él e a base da estructura datada en 1933.

Perante a situación de perigosidade da ponte, da chegada da época de choivas así como pola súa impronta histórica, cultural e etnográfica ademáis da utilidade pública para a vida veciñal e sendeiristas das rutas -Sarmiento e Cavenca-Cavadosa- é urxente a súa intervención e restauración -acorde coa pedra e estructura tradicional- a fin de evitar o seu inminente derrubamento. 

Asemade, aproveito para reclamar tarefas de limpeza, consolidación e restauración nas pontes medievais de Pedre e Parada sobre o Río Lérez e nas pontes de Arén, Limeres e Cervas. É urxente coidar o Patrimonio.

Aproveito para, de novo, solicitar que se convoque a xunta de portavoces a fin de tratar este e outros temas de calado para a veciñanza de Cerdedo-Cotobade.

Quedo á espera de pronta resposta.