Melloras na contorna das piscinas de Cerdedo

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira demanda melloras de seguranza peonil e vial á altura das pontes que se atopan na contorna das piscinas fluviais de Cerdedo.

Ernesto Filgueira: “Debido á situación actual á área de recreo das piscinas fluviais de Cerdedo vai ser moi frecuentada pola veciñanza e visitantes, polo que urxe dotala de maior seguridade viaria e peonil”. 

O portavoz do BNG local, Ernesto Filgueira, desprazouse até Cerdedo acompañado polo veciño e compañeiro Alberto Cadavid para estudar as queixas achegadas á organización nacionalista nas que se daban conta da situación de perigosidade coa que contan peons, ciclistas e turismos ao seu paso polo vial que une o núcleo cerdedense cos lugares de Limeres, Cabenca ou a Revolta. Aínda que, as maiores deficiencias céntranse nas dúas pontes que salvan os ríos Castro e Silvar ubicados a carón da área recreativa, chiringuito e das piscinas fluviais. Ámbalas dúas pontes contan cunhas antigas varandas moi deterioradas unidas a bloques de formigón que escasamente dan cobertura de seguranza nos propios tramos das pontes. Ademáis, nese tramo o vial remata con terrapléns que dan aos cauces dos ríos e parcelas sen ningún tipo de protectores que eviten un fatídico accidente. A maiores, a estrada nen tan sequera ten os carrís delimitados con pintura.

Para o BNG resulta importante demandarlle ao goberno de PP de Concello de Cerdedo-Cotobade unha intervención urxente no lugar por varios motivos. O primeiro é que a tempada de verán está enriba marcada polo escenario post-covid19 o que motiva un considerable aumento no número de visitas á área recreativa, chiringuito e piscinas fluviais. En segundo lugar, Ernesto Filgueira e Alberto Cadavid solicitan a colocación urxente de sináis de prioridade peonil e a reducción de velocidade rodada alomenos durante os meses de verán así como marcar visualmente tanto os carrís como as plazas de aparcadoiro. En terceiro lugar, o portavoz nacionalista insiste en dotar con protectores viais de madeira os lados da estrada, reparar ou cambiar a actual protección das pontes e crear unha vía peonil que aporte maior seguranza á veciñanza e visitantes á hora de disfrutar dunha zona recreativa enmarcada dentro dun fermoso espazo natural aos pés do Monte do Seixo.

Ernesto Filgueira: “Vou reclamar do Goberno do PP para este espazo medidas de calmado de tráfico, o pintado da estrada, a colocación de protectores viais e crear un espazo peonil seguro para a veciñanza ”.