Moción referida á "MINA DE LITIO (Beariz, Avión, Forcarei, A Lama, e Cerdedo-Cotobade)"

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O abaixo firmante, Ernesto Filgueira Touriño, portavoz do BNG no Concello de Cerdedo-Cotobade presenta a seguinte moción referida: “MINA LITO DE BEARIZ, AVIÓN, FORCAREI, A LAMA E CERDEDO-COTOBADE”.

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Numerosas entidades sociais (organizacións de defensa do territorio, colectivos veciñais, comunidades de montes) presentaron alegacións e escritos de rexeitamento da tramitación do proxecto mineiro de litio denominado Alberta I, que afectaría a parroquias dos concellos de Avión, Beariz, Forcarei, Cerdedo-Cotabade e A Lama. En realidade, trátase dunha primeira fase dun proxecto máis amplo, que tería unha grave incidencia en zonas habitadas e produtivas do interior das provincias de Pontevedra e Ourense, en espazos de grande interese paisaxísticos e ambiental como as serras do Cando e do Suído, e nas bacías dos ríos que nacen nelas como son o Oitavén e o Verdugo.

A empresa promotora do proxecto solicitou o pase do permiso de investigación do proxecto Alberta I a permiso de explotación nunha zona denominada “Coto Tocayo”, situado nos lugares de Doade (Beariz) e Acevedo e Rubillón (Avión). En realidade, o ámbito do proxecto Alberta I abranxe 123 cuadrículas mineiras nunha zona dividida en seis áreas que reciben os nomes de “Presqueiras” “Correa”, “Coto Tocayo”, “Acevedo”, “Rubillón” e “Taboazas”. E contempla a explotacioón sucesiva de diversas minas dentro da superficie afectada.

Nas alegacións presentadas por organizacións veciñais, de defensa do territorio e ecoloxistas fan constar unha serie de irregularidades na tramitación do proxecto por parte da administración autonómica.

  • Omisión do procedemento de Avaliación de Impacto Ambiental.
    Segundo o escrito presentado polo Sindicato Labrego Galego, “o proxecto inicial está fragmentado de maneira fraudulenta para evitar a avaliación de impacto ambiental” que é perceptivo segundo a lexislación sectorial. A este respecto cómpre ter en conta o previsto no Anexo 1 da Lei 21/2013 de avaliación ambiental que determina os Proxectos sometidos a avaliación ambiental ordinaria regulada no Título II, Capítulo II, sección 1ª:

  • Minaría subterránea nas explotacións nas que se dea algunha das circuntancais seguintes:
    • Que a súa paraxénese poida, por oxidación, hidratación ou disoloción producir augas acedas ou alcalinas que dean lugar a cambios no pH ou liberen ións metálicos ou non metálicos que supoñan unha alteración do medio natural.
    • Que exploten minerais radiactivos.
    • Aquelas cuxos minados se atopen a menos de 1 km (medido en plano) de distancias de núcleos de poboación, que poidan inducir riscos por subsidencia.

      En relación co expediente iniciado en 2013 pola Xefa do Servizo de Enerxía e Minas de Ourense, no que solicita ao departamento de Avaliación Ambiental que determine o alcance ambiental do proxecto de pase a concesión de explotación, o Instituto Geológico y Miero de España (IGME) emitiu un informe que alerta sobre a posibilidade de formación de augas ácidas de mina e ao risco de subsidencia pola proximidade a núcleos habitados. Asemade, indicaba a necesidade de someter o proxecto ao trámite de avaliación de impacto ambiental, que debería incluir un Plan de seguimento e vixiancia. Chama poderosamente a atención que no procedemento aberto en setembro de 2018, no que se solictou informes de diferentes órganos sectoriais, non se incluise o IGME, toda vez que o seu informe é preceptivo segundo a lexislación de aplicación.

      Con respecto ao proxecto inicial, logo modificado parcialmente, presentouse en 2014 un informe da Sociedade Galega de Historia Natural no que se indicaba que “as formacións xeolóxicas que conteñen tantalita poden presentar asociados minerais que conteñen torio e outros elementos radioactivos”, polo que solicitaba que “o estudo de impacto ambiental avalíe con detalle e rigor a presenza de torio e outros elementos radiactivos asociados aos minerais (tantalita e casiterita) que se pretenden explotar e, no caso de que estean presentes no xacemento, explicite as medidas previstas para evitar afeccións negativas sobre a saúde humana e dos ecosistemas”.

      A mesma entidade promotora do proxecto recoñece na documentación presentada que “a explotación mineira está a unha distancia en plano inferior a 1 km do núcleo urbano máis próximo” e a pesar diso a Memoria da solicitude de concesión de explotación, datada en xuño de 2018, establece categóricamente que “o proxecto de aproveitamento Coto Tocayo non está inclñuído en ningún dos supostos nos que a lexislación vixente prevé que ha de realizarse unha avaliación de impacto ambiental”.

      A pesar das obrigas legais e dos informes citados, chama a atención que o Xefe de Sección de Avaliación Ambiental da Dirección Xeral de Avaliación Ambinetal e Cambio Climático da Xunta conclúa que “non resulta necesaria a tramitación dunha declaración de impacto ambiental”, o que curiosamente vén coincidir cos intereses e os argumentos da empresa promotora.

      Posteriormente, a Confederación Hidrográfica Miño Sil emitiu con data 27.11.2019 un informe desfavorábel ao proxecto presentado, no que se indica que “todas as augas residuais xeradas dentro do perímetro de explotación, incluídas as augas de escorrentía provintes do vertedoiro e das instalacións auxiliares, provisóns de materiais, zonas de lavado, pistas e as provenientes das bocaminas deberán ser depuradas, de forma que as verqueduras realizadas non supoñan o incumprimento das normas de calidade establecidas na normativa vixente”.
  • Fraccionamento de proxectos:
    Tal como ditaminou o Tribunal de Xustiza da UE, “a Directiva 85/337 non pode eludirse mediante o fraccionamento dun proxecto, de maneira que a non consideración do efecto acumulativo de varios proxectos non debe ter como consecuencia práctica que sexan eximidos na súa totalidde á obriga de avaliación cando, considerados conxuntamente poidan ter efectos significativos no ambiente”.

    A mesma lei 21/2013 de avaliación ambiental define o “Fraccionamento de proxectos” como un “Mecanismo artificioso de división dun proxecto co obxectivo de evitar a avaliación de impacto ambiental ordinaria no caso de que a suma das magnitudes supere os umbrais establecidos no Anexo I”.

    Estamos pois dainte dun posíbel fraude de lei consistente no fraccionamento artificioso dun proxecto mineiro que ten impactos ambientais moito máis extensos e de cárácter acumulativo.



Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción para instar á Xunta de Galiza.

  1. O estrito cumprimento da lei na tramitación do pase a concesión de explotación do proxecto mineiro Alberta I 1ª Fracción, evitando un posíbel fraude de lei por fraccionamento de proxectos e esixindo o sometemento do proxecto á avaliación de impacto ambiental ordinaria.
  2. Que solicite todos os informes preceptivos para garantir o cumprimento da lexislación sectorial, incluindo o informe do Instituto Geológico y Minero.
  3. A apertura dun proceso de diálogo cos colectivos que se opoñen á explotación mineira, dando a máxima información ás persoas afectadas sobre a tramitación do proxecto e sobre os riscos ambientais e para a saúde derivados deste tipo de actividades extractivas.