Moción referida á “DEFENSA DA MULTIFUNCIONALIDADE E TITULARIDADE VECIÑAL DOS MONTES DE GALIZA”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS: 

Os montes veciñais en man común ocupan 1/4 do territorio galego. Conforman unha titularidade singular de Galiza dado o seu carácter de titularidade xermánica. Están xestionados pola veciñanza comuneira entendida non como ente administrativo, senón como grupo social. 

A posta en valor dos montes veciñais en man común de levarse adiante de xeito multinacional e sustentábel. É dicir, conxugando territorio, persoas e gobernanza. O funcionamento asambleario e democrático das comunidades de montes encaixa perfectamente nestes postulados. 

Organismos internacionais como a ONU ou a FAO manifestan que o futuro dos montes pasa por avanzar cara unha tenencia máis xusta destes territorios evitando a acaparación dos mesmos en poucas mans e dando protagonismo aos titulares dos montes. Estas premisas veñen sendo reais nos montes veciñais galegos dende tempos inmemorais. Os montes veciñais en man común son e, deben seguir sendo, espazos abertos. As súas funcións sociais, medioambientais e culturais deben beneficiar á sociedade galega no seu conxunto. 

Malia todo o exposto, dende fai unha década estanse modificando diversos artigos da Lei de Montes Veciñais e da Lei de Montes de Galiza e promulgando leis colaterais (Lei de simplificación administrativa, Lei de fomento empresarial) que teñen por obxectivo sacarlle á veciñanza comuneira a xestión das súas terras para entregarllas a terceiros. Está prevista tamén a modificación da Lei de Montes Veciñais actualmente vixente co obxectivo de desnaturalizar ós montes veciñais eliminando a súa característica de titularidade xermánica para convertelos en titularidades de carácter privado. 

Por estas razons a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) está promovendo mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular (documento anexado na documentación), que o Parlamento Galego debata unha Lei de Montes Veciñais que conteña como liñas fundamentais: 

Reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal e recoñecer a titularidade veciñal como unha máis e distinta das titularidades públicase privadas. 

Considerar os aproveitamentos e usos dos montes veciñais.

Acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e a sociedade no seu conxunto. 

Recoñecer os montes veciñais como unha figura de protección medioambiental e cultural en si mesmos. 

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

O apoio da corporación municipal de Cerdedo-Cotobade á Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola ORGACCMM para a elaboración dunha Lei de Montes Veciñais.