Ernesto Filgueira reclama autonomía e protección para a figura das comunidades de montes en man común e rexeita a súa especulación

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

Ernesto Filgueira, portavoz dos nacionalistas de Cerdedo-Cotobade, ven de rexistrar unha moción a fin de acadar o apoio da corporación municipal á Iniciativa Lexislativa Popular promovida pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais, na que se solicita o recoñecemento dos montes veciñais como unha figura de protección medioambiental e cultural, ademais da necesidade de reforzar o carácter xermánico da titularidade veciñal e recoñocer esta titularidade como unha máis e distinta das titularidades públicas e privadas.

Os montes veciñais en man común ocupan 1/4 do territorio galego. Conforman unha titularidade singular de Galiza dado o seu carácter de titularidade xermánica. Están xestionados pola veciñanza comuneira entendida non como ente administrativo, senón como grupo social. 

Aposta en valor dos montes veciñais en man común debe levarse adiante de xeito multinacional e sustentábel. É dicir, conxugando territorio, persoas e gobernanza. O funcionamento asambleario e democrático das comunidades de montes encaixa perfectamente nestes postulados. 

Organismos internacionais como a ONU ou a FAO manifestan que o futuro dos montes pasa por avanzar cara unha tenencia máis xusta destes territorios evitando a acaparación dos mesmos en poucas mans e dando protagonismo aos titulares dos montes. Estas premisas veñen sendo reais nos montes veciñais galegos dende tempos inmemorais. Os montes veciñais en man común son e, deben seguir sendo, espazos abertos. As súas funcións sociais, medioambientais e culturais deben beneficiar á sociedade galega no seu conxunto. 

Malia todo o exposto, dende fai unha década estanse modificando diversos artigos da Lei de Montes Veciñais e da Lei de Montes de Galiza e promulgando leis colaterais (Lei de simplificación administrativa, Lei de fomento empresarial) que teñen por obxectivo sacarlle á veciñanza comuneira a xestión das súas terras para entregarllas a terceiros. Está prevista tamén a modificación da Lei de Montes Veciñais actualmente vixente co obxectivo de desnaturalizar a xestión tradicional dos montes veciñais eliminando a súa característica de titularidade xermánica para convertelos en titularidades de carácter privado. 

Por estas razons, o BNG de Cerdedo-Cotobade apoia a Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) que está promovendo mediante unha Iniciativa Lexislativa Popular para que o Parlamento Galego debata unha Lei de Montes Veciñais, presentando a moción agardando o opoio tanto do PP coma do Psoe local.