O BNG leva ao Parlamento unha iniciativa para que o goberno galego dote dunha atención sanitaria digna á veciñanza de Cerdedo 

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O BNG vén de levar ao Parlamento galego unha Proposición Non de Lei para que a Xunta dote dunha atención sanitaria digna á veciñanza de Cerdedo, con cobertura permanente do persoal do centro de saúde e a súa substitición en caso de permisos, baixas e vacacións. 

A atención sanitaria en Cerdedo vén sufrindo nos últimos tempos un continuo proceso de deterioro, precarización e supresión de servizos. Debido a que non se cobren as baixas do único médico do centro de saúde, a veciñanza non conta con atención todos os días da semana. Por outra parte, non existe servizo de pediatría e para atender nenos e nenas é preciso desprazarse até Tenorio ou Forcarei. 

En contra dos discursos oficiais de promoción dos investimentos e servizos no rural, afirmou Bará, “a realidade é que se reducen continuamente as prestacións en xeral e nun servizo fundamental como é o da saúde. Con este proceder do goberno da Xunta, vivir no rural estase a converter nunha cuestión de vontade decidida e de heroismo, o que explica os procesos de abandono e despoboación que caracterizan a moitos concellos do interior do noso país”. 

Esta situación de deterioro e de supresión de servizos básicos foi reiteradamente denunciada pola veciñanza de Cerdedo, sen que por parte da Xunta e do Concello se adoptasen as medidas necesarias para corrixila. O pasado mes de febreiro un grupo de veciñas e veciños organizaron unha concentración diante do centro de saúde como mostra de protesta. Neste acto reivindicativo fixeron públicas as seguintes demandas: 

- Atención sanitaria presencial.
- Médico/a todos os días e con dedicación exclusiva. - Servizo de pediatría.
- Mellora na atención de urxencias. 

Cando estamos en pleno verán a situación non só non mellorou senón que foi a peor. Durante o luns, martes e mércores da presente semana o centro de saúde estivo sen médico ao non ser cuberta polo SERGAS a ausencia da persoa titular da praza. E ao longo do mes de xullo só haberá atención médica durante 7 días. 

De novo a veciñanza ten que mobilizarse para defender un dereito básico como é o da saúde e dunha boa atención primaria. O vindeiro xoves 14 de xullo está convocada unha concentración veciñal diante do centro de saúde de Cerdedo para demandar unha atención sanitaria digna.