O BNG denuncia que o SERGAS volve deixar sen médico ao Centro de Saúde de Cerdedo case todo mes de xullo

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

O deputado do BNG, Luís Bará, presentará no Parlamento Galego novas iniciativas para que a veciñanza de Cerdedo dispoña dunha atención sanitaria digna e de calidade no seu centro de saúde.

Como en anteriores ocasións, o BNG de Cerdedo-Cotobade, volve denunciar as carencias da atención sanitaria en Cerdedo, pois, case todo o mes de xullo; o centro de saúde atóparase sen médico ao non ser cuberta por parte do Sergas a ausencia da persoa titular da praza.

O deputado nacionalista anuncia o traslado desta situación ao Parlamento Galego onde vai instar ao  goberno do PP a que cumpra coa lei e non deixe sen facultativo médico á veciñanza de Cerdedo, tal e como ven sendo habitual no Centro de Saúde de Cerdedo nos últimos tempos e de xeito reiterado.

Así pois, o BNG de Cerdedo-Cotobade denuncia que a atención sanitaria en Cerdedo ven sufrindo un continuo proceso de deterioro, degradación, precarización, ausencia de atención pediátrica e supresión de servizos. Debido a que non se cobren as ausencias motivadas do único médico de familia do centro de saúde, a veciñanza non conta coa atención a que debería ter dereiro no seu centro de saúde de referencia o que causa un fondo malestar e indignación nas parroquias afectadas, tal e como foi recollido polo portavoz municipal, Ernesto Filgueira.

Esta situación de deterioro e de supresión de servizos básicos xa foi denunciada pola veciñanza de Cerdedo, sen que por parte da Xunta e do Concello se adoptasen as medidas necesarias para corrixila. É por iso, que en máis dunha ocasión, un grupo de veciñas e veciños organizaron concentracións diante do centro de saúde como mostra de protesta para demandar a atención sanitaria presencial, a presenza de médico/a todos os días e con dedicación exclusiva, un servizo de pediatría e a mellora na atención de urxencias. 

Ademaís, segundo Filgueira: “o BNG xa ten presentadas diversas mocións en pleno denunciando este problema, ten rexistrado preguntas no portelo municipal e mesmo son varias as iniciativas elevadas ao Parlamento de Galiza sen acadar por parte do PP o compromiso de tentar cambiar a lamentábel situación sanitaria que estamos a sofrer en Cerdedo-Cotobade. A Xunta de Galiza e clamoroso silencio do sr Cubela están a afogar a vida sanitaria da nosa veciñanza”.