Moción referida ás “ACTUACIÓNS CONTRA O MEDRE DISPARADO DA INFLACIÓN”

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

#Pénsao
#OutraFormaÉPosíbel

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Galiza, a súa economía e a súa sociedade, sofre a agudización dunha suba de prezos sen precedentes nas últimas tres décadas e que, aínda que agravada pola guerra de Ucraína e o impacto na comercialización do gas ou do cereal, xa se viña producindo durante o 2021 e os primeiros meses de 2022.

A inflación é un fenómeno económico que se manifesta no incremento global do prezo dos bens e servizos dun país. Isto provoca unha perda xeneralizada do poder de compra do diñeiro no tempo. Por tal motivo, coñécese como o “imposto dos pobres” porque, cos mesmos cartos, podemos enfrontar menos pagamentos e isto prexudica especialmente ás persoas máis vulnerábeis e con menos recursos. É, polo tanto, un problema económico e social de primeira orde.

A taxa de inflación interanual en Galiza no pasado mes de febreiro foi do 8% e, outro mes máis, supera a rexistrada no conxunto do Estado (7,6%). Isto quere dicir que en febreiro de 2022 as galegas e os galegos eramos un 8% máis pobres que un ano antes.  Así, por exemplo, a electricidade subiu no estado español un 111,5%% no mes de febreiro con respecto ao mes de febreiro do ano pasado. O diésel subiu un 29% e a gasolina un 25,9% con respecto a febreiro do ano pasado. A bombona de butano nunca custo tanto: pasou dos 13,3 euros hai un ano a 18,63 € agora (un 40% máis cara). Porén, non subiu só a enerxía, tamén o fixeron os alugueiros ou algo tan básico coma os alimentos (segundo a FAO o prezo dos alimentos a nivel mundial está no seu nivel máis alto dos últimos 60 anos).

A suba xeneralizada de prezos que estamos a vivir non está provocada por unha única causa. Son varios os elementos que están a provocar esta situación. A guerra agrávaa, mais a situación xa viña de antes e a pandemia tampouco explica todo. Vivimos ademais un contexto de escaseza de materias primas, problemas de subministro a nivel mundial, perda do control público sobre sectores clave como a enerxía, etc. O máis importante é que a suba de prezos está condicionada por decisións políticas, que poden empeorar ou aliviar os seus efectos. Polo tanto, hai marxe para actuar e evitar que as maiorías sociais paguen esta crise mentres grandes empresas como as da banca ou as eléctricas multiplican beneficios.

En outubro de 2021 a Rede Galega Contra a Pobreza facía público o seu informe anual respecto de 2020 e sinalaba como xa entón 694.367 persoas, o 25,7% da poboación galega, estaba en risco de pobreza ou exclusión social e estes datos aínda non reflicten o impacto total da pandemia polo que a situación que estamos a vivir van empeoralos. Ademais, en Galiza agrávase o impacto polo peso do sector pesqueiro e agro-gandeiro, por termos moitas industrias electrointensivas, depender do comercio por vía marítima e estrada, polas carencias históricas en transporte público, pola dispersión poboacional, pola estafa das peaxes... e sobre todo porque desde a Xunta e desde Madrid toman decisións contrarias aos nosos intereses, como rebaixar os impostos a quen máis ten, permitir os privilexios do lobby eléctrico ou incrementar o gasto militar no lugar de atender outras necesidades.

A situación é insoportábel e non podemos permitir que goberno central e Xunta sigan de brazos cruzados. É necesario, a medio e longo prazo, impulsar un cambio estrutural na nosa economía que nos faga máis resistentes a este tipo de situacións, mais é hora tamén de tomar medidas urxentes para que non haxa un empobrecemento drástico e non se pode agardar semanas para actuar.

Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Cerdedo-Cotobade acorda aprobar a seguinte Moción:

1. Demandar do goberno central a intervención inmediata no sector enerxético para controlar os prezos da electricidade e do gas, recortar os beneficios das eléctricas, impulsar unha tarifa eléctrica galega, medidas urxentes para a contención da crise da industria electrointensiva a través dunha tarifa estábel que garanta prezos máximos a medio prazo e a prohibición os cortes das subministracións básicas de forma permanente.

2. Demandar do goberno central a baixada selectiva do IVE dos alimentos básicos, os produtos do mar, de hixiene persoal e feminina, o transporte público, a electricidade e o gas.

3. Demandar do goberno central o Incremento das pensións e dos salarios máis baixos até o 60% do soldo medio actual.

4. Demandar do goberno central e da Xunta de Galiza a redución temporal das peaxes, dos impostos sobre hidrocarburos e doutros custos que afectan ao transporte así como a rebaixa dos prezos dos títulos de transporte público, tanto ferroviario como por estrada.

5. Demandar do goberno central e da Xunta de Galiza a protección do sector agro-gandeiro e marítimo-pesqueiro evitando a venda a perdas, impulsando a compra pública de pensos para garantir a subministración e impulsando axudas polo incremento dos custos de produción, singularmente enerxía e combustíbeis.

6. Demandar do goberno central e da Xunta de Galiza a revisión impositiva para unha fiscalidade xusta e redistributiva que compense a perda de poder adquisitivo dos sectores máis vulnerábeis contemplando no IRPF a inflación e revisando os principais impostos para que pague máis quen máis ten e se distribúa a riqueza.

7. Demandar do goberno central a actualización do Ingreso Mínimo Vital e da Xunta de Galiza a reforma da Lei 10/2013, do 27 de novembro, de inclusión social de Galiza para garantir a compatibilidade e complementariedade da Renda de inclusión social de Galiza (RISGA) co Ingreso Mínimo Vital (IMV) así como axilizar e facilitar a súa tramitación.

8. Demandar do goberno central a intervención pública no mercado da vivenda para facilitar o acceso da xente nova e as rendas máis baixas poñendo a disposición da Xunta as 2.735 vivendas da SAREB para se empregaren como vivendas sociais.

9. Demandar do goberno central a revisión á alza das bolsas e convocatorias extraordinarias para protexer o estudantado máis afectado.

10. Demandar da Xunta de Galiza o compromiso de non reducir as partidas de igualdade dos seus orzamentos, incrementar a contía das axudas de violencia machista conforme o IPC e aprobar sen máis dilación o Plan de Choque contra a pobreza en familias Monoparentais cun orzamento e calendario específico de desenvolvemento.